Que queren Vdes. que lles diga/escriba? A verdade é que, como no célebre pasodoble, nin con eles nin sen eles, os nosos males teñen acougo e/ou remedio ningún! En todo caso, si que lle cómpre recoñecer, con todo, algo esencial: qué sería de nós -neste oficio de xuntar letras e mais letras- se eles/elas non viñesen subministrarnos periodicamente o esencial combustible? Estoume a referir, nin que dicir ten, aos nosos indicibiles, inenarrables..., arreo inefables políticos. Ou, máis exactamente, ás andanzas mil que, día si e día tamén, veñen ofertar os lizgairos, tarabelas, moi lixeiros -que diría a miña avoa Fina- e tan conxecturables representantes deste país de países, nación de nacións..., tribo de tribos e prazas de soberanía, Alhucemas, Chafarinas e Perejil axuntos; así os máis próximos como os máis afastados: locais, autonómicos ou pertencentes á administración do Estado.

Atende por Esperanza Fuencisla Aguirre y Gil de Biedma; resulta ser condesa consorte de Bornos e grande de España. Foi concelleira en Madrid, ministra de Educación e Cultura, Presidenta do Senado e Presidenta da Comunidade de Madrid. Todo iso só por agora. Non conduce -como na célebre película de Seteven Spielberg:"Duel" (1971), "El diablo sobre ruedas", entre nós- un camión cisterna Peterbilt, senón un Toyota; non obstante, velaí que acaba de deixar como auténticas nenazas a Chris Hemsworth/James Hunt e/ou Danie Brühl/Niki Lauda competindo en "Rush". Máis próximos, está claro igualmente que nin (súper) Fernando Alonso nin tampouco Carlos Sáinz teñen nada que facer diante do ímpeto -todo un tsunami automobilístico- da Sra. Aguirre. "¡Trata de arrancarlo, Carlos!; ¡por Dios, Carlos, trata de arrancarlo!": con toda certeza que se Luis Moya tivese como compañeira a Dna. Esperanza, aquel Rally de Inglaterra de 1998 tería remato dun xeito ben diferente!

Iso si; se estivésemos diante dunha muller que se dedicase á política, que sei eu, en Dinamarca, Noruega, Alemaña, nos Países Baixos..., unha de dúas: ou ben tería presentado de inmediato a dimisión na súa actividade pública ou, en todo caso, calaría ben caladiña a boca, agardando a que o temporal remitise. Pero Dna. Esperanza Fuencisla é española e, ademais, dos Madriles, chula que es una, aí é nada! Traducido: en España -é dicir, cando España era realmente España-, se unha dama da dereita-dereita ía a demasiada velocidade, perpetraba unha manobra vedada ou viña aparcar nun lugar prohibido; se tal acontecía e se achegaban onde ela os axentes da autoridade competente, tan logo como a referida señora amosaba as súas credenciais, os axentes cadrábanse, dando un sonoro taconazo, e saudaban militarmente de inmediato. Sen embargo, agora mesmo -o tempora, o mores!- van os tales, tiran de multa e denuncia e o conto acaba nas portadas dos xornais, nas tertulias radiofónicas e mais nos debates televisivos. Non, se resulta que, ao final, quen o diría!, si que estamos a habitar nunha democracia! En fin, ben coñecido é urbi et orbi que alí onde non chega a man dun cabaleiro español, si que acode a punta da súa espada; pois ben, sucede así mesmo que alí onde non chega a dunha dama española, si que chega un oportuno acelerón a tempo do seu vehículo: ¡arriba España y arriba las mujeres!

Miguel Ángel Rodríguez, Ángel Calimero (digo: Corromero!!), Ortega Cano tamén?, e agora Esperanza Aguirre, quen vai ser o próximo? De veras, que é o que lles pasa a -certos- dirixentes do Partido Popular cando se poñen ao volante? Acaso é que tomaron realmente en serio aquelas célebres palabras de José María Aznar?: "¿Y quién te ha dicho que quiero que conduzcas por mí?"; "A mí no me gusta que me digan ´no puede ir Ud. a más de tanta velocidad´" Pero home (e muller), é que non se decataron que D. Josemari -ademais de acariñar unha(s) copa- estaba a "largar" de coña?

"Precaución, amigo conductor,/tu enemigo es la velocidad./Acuérdate de tus niños (neste caso, dos netos)/que te dicen con cariño:/"No corras mucho papá" (neste caso, "abuelita"): velaí un anaco da letra da inmortal copla da, á súa vez, inmortal Perlita de Huelva. Non estaría de máis que, para alén da multa, o castigo incluíse que a Sra. Aguirre tivese que escoitar durante unha semana a mentada serenata; de certo que non retornaba ás andadas. Pero desesperen Vdes: "¡no caerá esa breva!" Falangueira e afouta como é, Dna. Esperanza Fuencisla non ha de parar até darlle a volta a tortilla e convencernos do incovencible

Así as cousas, e dado que comezamos as presentes liñas cun pasadoble, que lles parece se as concluímos con máis ritmo? Fagan memoria de grande Antonio Machín, xa que logo: "Ay que pena me das,/Esperanza, por Dios,/tan graciosa/pero no eres buena./Esperanza, Esperanza,/sólo sabes bailar cha-cha-cha."