A Igrexa de Roma controlou so nacementos, mortes e unións de toda a xente. Logo de Trento, os párrocos abriron libros para inscribir os batizados, os casamentos e as defunción do fregueses, que, despois da expulsión dos xudeus e mouros, na España eramos todos e todas. Bonaparte privou a Igrexa Católica do monopolio, e confioulle este á Nación.

Desde 1804, o rexistro de Estado Civil é o que recolle en Francia as circunstancias da vida. Até 1870, España non implantou o Rexistro Civil laico e público. Entre outras cousas, o abade de Valadares encirrou os vigueses a mallar nos bonapartistas porque estes traguían na equipaxe do bon Rei Xosé os regulamentos do Estado Civil que despoxaban a Igrexa Católica do control da vida e da morte. É aquí onde aparece Ruiz Gallardón, o ministro xornamoina de cuxo pai se sospeitou algunha relación co Contubernio de Múnich. Entrégalle Gallardón aos rexistradores da propiedade a propiedade do Rexistro Civil, con faculdade para eles casaren cidadáns. Escandalosa privatización, en homenaxe a Rajoy sen dúbida; o ministro está a desfechar un bombardeo de obuses, ben calculado. Fronte real en metros partido por distancia en quilómetros é igual a fronte aparente en milésimas artilleiras.

Tan axiña como Gallardón chegou ao goberno, fixo fogo moi certeiro contra obxectivos que a dereita neofranquista (descoñécese outra en España) arelaba libidinalmente aniquilar. Foi contra a lei do aborto, humillando a autonomía do suxeito feminino. As crasas vogais (Valle-Inclán) do príncipe da Igrexa que nunca deixa saír do armario o seu galego reprimido, arrastráronse para zoar que aínda no se acadou o abolicionismo total do aborto. - Gallardón tivo un soño, como soe decer Suso de Toro cando apaña algún tópico que outro diseminara. Lembrou Gallardón que as provincias liberais se implantaran en España por facer desaparecer os antigos reinos, e iluminóuselle a mente. Había que liquidar os partidos xudiciais co fin de robustecer as capitais de provincia. - pouparlle gastos ao Estado. O disparate é insigne, e así Celanova coma Vigo (isto é: Galicia toda) van loitar pola preservación da actual planta que rexe os partidos xudiciais.

O ministro Gallardón edita cada día unha asneira que o pobo discreto se ve obrigado a rexeitar levando as mans á cabeza (cando menos).