Campo de Granada

Recuperar a regueifa

08.04.2014 | 01:15

Un dos gravados máis coñecidos do Vigo do século dezanove é "A regueifa de San Roque", un debuxo a pluma que Meléndez publicou en 1879 en "La Ilustración Gallega y Asturiana". Tratábase dunha representación da "danza do molete", unha muiñeira executada cos brazos abaixados, no que unha das bailadoras, "a madriña", levaba unha bóla de pan na cabeza. A danza tiña a súa orixe na cerimonia de "cantar a regueifa", un desafío dialéctico a base de coplas improvisadas, que nas vodas protagonizaban os convidados da parroquia e os de fóra dela para desputarse o pan ou roscón da voda, nalgúns lugares chamado tamén "canelo" ou "regoxos". No desafío dialéctico, utilizando estrofas de catro versos octosílabos, non faltaba nin o humor nin o escarno entre as familias, o que nalgunhas ocasións facía subir a temperatura entre ambas as dúas partes e obrigaba aos da casa a preparar decontado a muiñeira e logo repartir o molete entre todos os participantes. Nesa foliada está a orixe da regueifa, as cantigas improvisadas nas que dúas ou máis persoas (os "regueifeiros") debaten sobre un tema, fenómeno que algúns relacionan coa "tenzón" medieval, unha desputa entre un trobeiro e un xoglar, un xénero menor das cantigas de escarnio.

A regueifa é un dos xéneros da literatura de tradición oral galega, como o brindo, os contos, as lendas, as cantareas, as lengalengas, os trabalinguas, as adiviñas e outras composicións orais, asociadas unhas veces coa improvisación e outras coa danza. Pezas todas que constitúen un extraordinario legado do noso patrimonio inmaterial, expresións afortunadas do saber do pobo, de cada unha das súas comunidades, transmitido de xeración a xeración fose por comunicación oral ou por transmisión escrita, onde está cifrado o ADN da lingua galega e o da súa cultura agraria e mariñeira. Un fío cultural e lingüístico milenario, un patrimonio oral inmaterial que como as formas de vida aldeá foi esmorecendo até a súa práctica desaparición e precisa agora ser recuperado, posto en valor, anovado e transmitido ás novas xeracións. Unha tarefa dignificadora urxente e necesaria, capaz de atraer ás novas xeracións ao uso cotián do galego no entorno das novas culturas urbanas.

O da recuperación da regueifa e outras tradicións populares improvisadas de carácter oral é un labor no que traballa o Centro Veciñal e Cultural de Valadares organizador do Certame Internacional de Improvisación Oral, cuxa décimo sexta edición foi celebrada o pasado mes de febreiro. Un certame que cada ano reúne as maiores figuras desta expresión da nosa cultura popular, dende os Regueifeiros de Bergantiños como Suso e Antón de Xornes e Guillermo "da Rabadeira", pasando por improvisadores en verso como Pinto d' Herbón, Bieito Lobariñas e Josinho da Teixeira, até o tamén gaiteiro e zanfonista Luís "O Caruncho", un dos recuperadores do xénero do brindo, xunto a outras chegadas de fóra de Galicia como portugueses "Cantores ao desafío" ou repentizadores e improvisadores da poesía popular chegados de diferentes lugares da península e América Latina. Unha cita moi consolidada protagonizada sempre pola regueifa, "unha arte da ironía e do sarcasmo", como adoita dicir Carlos Alonso, presidente da Asociación Oral de Galicia e alma mater do encontro e da defensa dos regueifeiros, merecedores de ser recoñecidos pola sociedade como auténticos artistas do enxeño verbal.

Recollendo o fío deste proxecto a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo creou este curso de forma pioneira o Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV) con sede central no Instituto Municipal de Educación e coa intención de convertirse en lugar de formación e axente dinamizador da oralidade. Xaora, o CIOV pretende formar novos regueifeiros e regueifeiras, novos contadores de historias e coñecedores da tradición oral galega e das modernas formas asociadas á oralidade como o rap, hip hop e slam por medio de dous cursos, un de narración oral (os martes) e outro de improvisación oral en verso (os mércores). Outrosí sucede coas actividades de dinamización dirixidas a toda a cidadanía realizadas en diversos puntos de Vigo (rúas, cafetarías, centros comerciais?) como regueifas, contadas ou manifestacións poético-musicais. Sen esquecer actividades como os obradoiros de regueifas nos centros escolares de Secundaria, o programa "Contos e cantos" para pais e nais de picariños ou o "Cóntame os teus contos" para centros de terceira idade. O do CIOV é un programa de innovación lingüística e etnográfica merecedor do interese da Universidade da Sorbona de París onde hai apenas dúas semanas foi presentado pola concelleira Isaura Abelairas. Parabéns ben merecidos para ela e para o seu equipo técnico polo esforzo por recuperar a regueifa.

bretemas@gmail.com

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Suscriptor | Opinión

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

J. ARNEIROS TORCELA *

Pequeña historia de los cine clubs en Ourense

El 28 de diciembre de 1928 se creó en España, en la...

 
 

JAVIER SÁNCHEZ DE DIOS

La evaluación

Una de las sorpresas que ha deparado este verano que parece no acabarse nunca -sus calores...

 
 

SANTIAGO LAGO PEÑAS*

Un debate desenfocado

Me temo que el debate sobre el turismo que se está desarrollando en España en las...

 
 

MATÍAS VALLÉS

Trump triunfaría en Corea del Norte

El conflicto de Corea del Norte demuestra que el planeta no puede...

 
 

JOSÉ MANUEL PONTE

El guion de los atentados

Es inevitable seguir hablando de los trágicos sucesos de Cataluña, de sus...

 
 

PEDRO DE SILVA

Abatidos

Abatir, en primera acepción (RAE) es derribar algo, echarlo por tierra. Solo en cuarta...

 
 
Enlaces recomendados: Premios Cine