O xoves pasado os lalinenses enterámonos da triste noticia da morte repentina de Perfecto Navaza (Chicho). Esta vida é totalmente inxusta, non contemplou, nin tivo en conta, a perda tan grande que supón a morte dunha persoa coma Chicho, que ten unha filla en Inglaterra e outra en Lalín con graves doenzas mentais, e a súa dona anda con dúas muletas posiblemente por moito tempo; é unha inxustiza.

De Chicho só se poden dicir cousas boas, gran profesional da repostería durante máis de 50 anos, traballador nato, persoa culta, boa, honrada e volcada totalmente na familia. Este home, que xa tivo que facer de pai dos seus dez irmáns, xa que seu pai faleceu con 49 anos, tamén de forma repentina, foi unha morte que tamén causou gran conmoción no noso pobo na década dos 60.

Quérolle transmitir a toda a súa familia, especialmente á súa viúva Charito, o meu fondo pesar por esta perda irreparable e dicirlle que, desde a miña humilde posición, poden contar comigo para o que necesiten, e dígoo de corazón.

*Empresario de Lalín