Durante moitos anos, o sindicalista e home da colla Xosé Manuel Tobío enviou a FARO DE VIGO Cartas ao Director. Trataba temas sumamente orixinais, como foi o de conseguir a Medalla do Traballo para as vendedoras de ostras da Pedra, e outras de carácter urbanístico sempre referidos a Vigo. Por tras da recuperación do vello Vigo, poucas vontades tan xenerosas e socialmente activas coma a de Tobío. Hai tempo que as seccións de Cartas ao Director dos periódicos galegos non publican textos deste noso vello amigo. Pola contra, xorden novas estrelas neste dominio. Leo en varios xornais cartas asinadas en Ferrol, por Iolanda Teijeiro, a quen non coñezo persoalmente. De factura excelente, as prosas desta muller revelan un espírito cultivado e moi crítico. Seguindo a Teijeiro, decátome de estarmos perante unha interesante escritora da cal non lemos (aínda, supoño) libros. Todo parecía indicar que as redes sociais, coa súa forma de comunicar turbulenta, inmediatista e parcialmente anónima ou apócrifa, ían acabar coas Cartas ao Director dos xornais propiamente ditos ou sexa impresos sobre papel feito con pasta Kraft extraída da polpa dos boscos. Non foi así. As regras do xornalismo escrito seleccionaron dalgún xeito, e fiabilizaron e responsabilizaron, os contidos das Cartas ao Director. Todos os xornais deberían saber que a sección de Cartas é probabelmente a máis lida dos medios impresos. Un procura alí (inocentemente) a voz da rúa. Encontra propaganda, sen dúbida, e campañas relixiosas, veciñais, políticas, asociativas, económicas, en acción. Pero o lector de Cartas é un suxeito moi agudo e experiente. Sabe distinguir entre os asinantes individuais e sobranceiros, e esoutros, e esoutras, que escreben segundo o patrón ou plantilla previamente distribuído na seita. Hoxe, en Galicia, hai famosos autores de cartas ao director, con quen nos familiarizaramos, que por algunha razón deixaron de publicar. Por exemplo: que sería feito de Xusto Otero (Carril) co cal case nunca concordabamos e que sempre liamos con interese?

Manuel Cabada Castro prodígase hoxe no xénero. El é autor de libros de filosofía, de teoloxía, de antropoloxía, de etnografía, moi importantes. Xubilado das universidades xesuíticas, Cabada escribiu a mellor historia dun curro de bestas soltas e os mellores estudos realmente existentes sobre temas de filosofía idealista alemá. Con absoluta humildade, cada pouco o doutor Cabada arrequece a sección de cartas ao director da prensa de Galicia e ilustra os seus lectores. É decer: nós.