O pasado 1 de abril ouvinlle unhas declaración públicas á Secretaria de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades. Falaba esta señora das deficiencias educativas que se aprezan "en nuestros aulas". Así mesmo dixo. Ela ignora que, en castelán, os nomes femininos que comezan por a tónico levan a forma do artigo determinado el e indeterminado un en singular, en lugar de la e una. En plural as formas obrigadas son las e unas. As restantes concordancias serán regularmente femininas. Nesta circunstancia encóntrase a palabra feminina "aula". Diremos: el aula, las aulas, un aula, unas aulas, estas aulas, pocas aulas? Naturalmente, en castelán só se pode decer nuestras aulas.

Non é corrente que os alumnos galegos, por razóns que non son do caso, caian no horror que ouvimos en boca da Secretaria de Estado. Cando isto ocorría, eu, en funcións de profesor de Lingua Castelá, explicáballe ao infractor, e aos seus colegas de clase, a regra antes citada, e mesmo lle engadía unhas pingas de gramática histórica para lle revelar por que el podía ser feminino. Facíalle aprender de memoria a regra en cuestión e, finalmente, prescribíalle copiar moitas veces unha ringleira de frases nas que aparecesen nomes casteláns iniciados por a acentuada: águila, arma, alma, agua. Para o caso de arte, explicaríalles aos alumnos como o mau uso estaba tomando carta de natureza.

Ou sexa, que este cronista practicaba o que se di un ensino autoritario e memorístico. Grazas a que a meirande parte dos meus colegas eran así de memoristas o nivel escolar de expresión oral e escrita en castelán semellaba correcto, e coido que o debe seguir semellando. Observo que, desde sempre, as dereitas e as clases dominantes de España usan un castelán moi pobre (no caso da Secretaria de Estado, defectuoso). Non cultivan nin miman, nin traballan, o xardín do seu idioma. As dereitas da CEDA, na República, berraban: "¡A por los 300!". Ao cal os republicanos das Facultades de Filosofía e Letras replicaban: "¡A por la Gramática!". Non necesitan de galegos, vascos e cataláns, para humillar o seu idioma. Eles son os que o maltratan e o ignoran.

Inda que a fábula diga outra cousa, o franquismo non nos fixo memorizar a lista dos 33 reis visigodos. Só non mandou saber o nome de tres. Iso si: o Reino Suevo de Galicia e os nomes dos seus reis é un feito histórico que estaba, e está, oculto e ben oculto. Por veces, a memoria é perigosa para o poder.