As recentes eleccións a Reitor e a Claustro na Universidade de Vigo deixan, ao meu xuízo e a falta dunha análise máis demorada no tempo, tres evidencias e algunhas preguntas para as que existen varias respostas posibles.

A primeira evidencia é a reelección coma reitor de Salustiano Mato e a entrada dun equipo anovado para dirixir a institución os próximos catro anos. Unha reelección que se produce despois de xestionar durante catro anos nun contexto de crise económica. Este feito, e tamén o de que, por primeira vez, isto se produza sen candidatura da oposición, creo que son síntoma de que a comunidade universitaria percibe, na súa meirande parte, que o candidato e o seu equipo son parte da solución e non parte do problema.

A segunda evidencia é a baixa participación. Entre as causas, parece claro que a existencia dunha única candidatura desincentiva a participación. Se o candidato continúa coma reitor, en calquera caso pode parecer innecesario votar. Este fenómeno veuse agravado por non ser necesario votar tampouco a claustro na maior parte das Facultades e Escolas, cun número de persoas presentadas igual ou inferior aos postos posibles. No sector de estudantes, por exemplo, a participación é maior nos centros nos que houbo competencia polos postos de claustro.

En calquera caso, a baixa participación debe preocuparnos. Que queden postos de claustro sen cubrir non é bo, aínda que saibamos que é un fenómeno común no sistema universitario. Precisamos que a comunidade universitaria queira estar, achegar ideas e decidir, coma garantía de que o noso ecosistema humano está vivo intelectualmente.

A terceira e última é o elevado voto en branco para o total dos votos emitidos. De novo, neste caso, caben diferentes posibilidades de interpretación, pero agrupo en catro as causas deste resultado: o voto en branco coma expresión de malestar, coma voto neutral, coma expresión de oposición e coma voto afín que non quere triunfalismo.

Votar en branco (ou nulo) coma expresión de malestar é un xeito de transmitir as dificultades nas que se desenvolve o traballo nas universidades. As administracións central e autonómica limitan por decreto unha serie de actuacións nas universidades públicas que a de Vigo, sen débedas e sen déficit, podería mitigar ou evitar. As baixadas salariais ou os vetos á promoción profesional e académica son algúns exemplos, vetos que prexudican a aqueles que máis se esforzan para merecelos. Igual sucede coa posta en marcha do modelo de Boloña ou dos novos requisitos de calidade, que supoñen un esforzo adicional coincidente con menos medios. Esta sensación de inxustiza non é diferente da que vive o conxunto da nosa sociedade, sentindo que paga polos excesos doutros, e votar en branco sería expresión dos seus sentimentos.

O voto en branco coma voto neutral é, literalmente, o das persoas que cren no sistema pero que non ven motivos para expresar o seu apoio específico a un candidato, neste caso ao único, pero que desexan participar do proceso electoral porque valoran positivamente a elección directa a Reitor, cando o que circula nalgúns despachos ministeriais e universitarios é a supresión deste dereito.

O terceiro voto en branco é aquel que expresa un voto de oposición, que non tendo outro candidato ou candidata, manifestan deste xeito que non queren coma Reitor a quen se presenta. Neste sentido, aceptando que este voto existe, creo que sería un erro identificalo coa Oposición en maiúsculas, que ten un sentido institucional moi elevado. Se realmente se mobilizara por esta causa, o voto en branco sería maior e o seu reparto por centros claramente diferente ao que se deu. Máis ben responde a grupos e colectivos que se senten prexudicados ou consideran que se podería ter xestionado mellor a universidade durante os últimos catro anos.

Por último, creo que existe un voto en branco afín, que non vota favorablemente porque non está en risco a reelección do candidato, e que desexa transmitir ao novo equipo reitoral, nun contexto coma o actual, a necesidade de evitar o triunfalismo e o risco de relaxar o nivel de esforzo ante a inexistencia de rivais á Reitoría.

Probablemente o conxunto de voto en branco, en definitiva, dará lugar a opinións diferentes, pero a súa presenza, tan valiosa coma a daqueles que votamos orgullosos a favor dun novo mandato, lémbranos a necesidade de traballar con humildade polo conxunto da Institución e de satisfacer tantas ilusións e expectativas como sexa posible no futuro inmediato.

*Profesor de Economía Financeira e Contabilidade. Facultade de Economía e Admón. de Empresas