Máis alá dos réditos electorais que para os seus protagonistas supoña o pacto orzamentario entre Abel Caballero e Chema Figueroa, os líderes dos partidos sistémicos en Vigo, a primeira consecuencia para os intereses xerais debería ser o remate da marxinación que as administracións gobernadas polo Partido Popular, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, levan mantendo con Vigo e coas institucións viguesas desque Corina Porro perdeu a alcaldía. O que alguén chamou "gran pacto" entre PSOE e PP debería abrir un proceso de normalización institucional para recuperar a equidade destas administracións coa cidadanía viguesa. Trataríase apenas de que a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra desenvolvesen no concello de Vigo actuacións, axudas económicas ou programas semellantes aos que veñen acometendo noutras cidades e vilas no terreo das obras básicas, na promoción turística ou no mantemento de entidades culturais e instalacións deportivas, por só citar algúns eidos nos que Vigo foi excluído adoito por elas. Non haberá credibilidade para este "gran pacto" sen recoñecer esta importante débeda.

Unha normalización institucional que non abondará, se despois non se recupera no Parlamento de Galicia o debate sobre o proxecto do planeamento estratéxico da Galicia urbana e sobre a reforma territorial do país, tantas e tantas veces adiado polo Partido Popular, no que Vigo e a súa área metropolitana son trabe de ouro. - as cousas na cuestión territorial galega requiren ser reconducidas decontado. Xaora, é absurdo reclamar que Fomento continúe cementando o mar no porto de exterior da Coruña, onde leva enterrado millóns de euros. Outrosí sucede coa intención de manter coa respiración asistida das subvencións tres aeroportos internacionais en claro devalo de viaxeiros, incomunicados entre eles, iso si, con tres terminais e grandes aparcamentos do trinque. Por non falar do carísimo mantemento do edificio-escultura da Cidade da Cultura ou dos recintos feriais e palacios de congresos sen eventos ou cunha programación fraca ou na ducia de parques empresariais abertos aquí e acolá sen apenas actividade. A Galicia do século XXI non pode continuar con esta deriva de ineficiencia institucional que a prezo de ouro paga a súa cidadanía.

Urxe acometer unha profunda reforma territorial en clave galega, que debería redeseñar tanto as administracións locais como reordenar no horizonte do ano 2050 as infraestruturas básicas, dende portos e aeroportos, pasando pola mobilidade interurbana de persoas e mercadorías por estrada e ferrocarril, até os servizos educativos e culturais públicos da sociedade dixital. Unha reforma deseñada en clave inequivocamente galega, na que todas as forzas políticas e sociais están chamadas a contribuír, capaz de rematar con doenzas tan graves como o localismo, o clientelismo e a corrupción, arrastradas ao longo de todo o período autonómico pola administración municipal, e que debería supoñer, tras a inevitable desaparición das deputacións, o deseño dun novo mapa local e dunha rede de novos concellos e áreas metropolitanas.

Neste modelo é onde Vigo ten a súa mellor oportunidade para liderar a Galicia urbana do XXI e resolver algúns dos seus problemas actuais. Poderíase aí deseñar con racionalidade e serenidade territorial o mapa aeroportuario galego, tendo en conta que coa finalización do AVE da Meseta diminuirá o número de usuarios do avión con Madrid, o que supoñerá a inevitable especialización de traxectos e tráficos aéreos. Un novo escenario que aconsellaría se contemplase a unión por ferrocarril de velocidade alta das tres terminais, o que facilitaría a súa interconexión en menos dunha hora, facéndoas máis competitivas con respecto á portuense de Sa Carneiro. Outrosí debería suceder coa posibilidade de interconectar por ferrocarril o porto nodal de Vigo, inserido por fin na rede da fachada atlántica europea, co aeroporto de Peinador, probablemente especializado no transporte internacional de mercadorías frescas e compoñentes das industrias aeroespacial, naval e do automóbil, sectores da nosa industria metropolitana actual. Un proxecto urbano que require o recoñecemento administrativo e político da Área Metropolitana de Vigo, capaz de ofrecer á cidadanía os servizos integrados de transporte público, recollida e tratamento de residuos, abastecemento e saneamento de augas, seguridade, bombeiros ou promoción turística e cultural, entre outros.

Non teño dúbida que esoutro "gran pacto" sería que os partidos sistémicos e os partidos do nacionalismo e da esquerda asumisen esta viraxe estratéxica territorial abandonando o vello localismo polo novo metropolitanismo cívico en clave de país. Pagaría a pena intentalo.

bretemas@gmail.com