O PSOE, poñamos que na terceira cidade de Galicia, que é Ourense, coñece unha crise formidábel. Non hai que ir a Madrid, Valencia ou Baleares, para percibir o fedor dun PP putefracto. Con observar o que acontece no concello da capital de Galicia xa deberiamos ter suficiente. En canto ao BNG, está a recuperarse de dúas escisións simultáneas, unha das cales encabezada pola fisura máis importante da esquerda nacionalista, que deixaron esta formación sen o título (sempre inmerecido) de "única representante do patriotismo político galego". Diante dos nosos ollos xurdiu AGE que, sen contar sequera con sede física, se alzou cunha chea de deputados autonómicos. A esquerda de dirección estatal e a esquerda nacionalista non BNG (na que se inclúe a FPG) ligaron unha fronte, AGE, que conseguiu constituirse en terceira forza política de Galicia. Polo tanto, PSOE, PP e BNG están moi interesados en perxudicar AGE. - non só estes partidos. Hai intereses que, a través dos medios de comunicación, teñen AGE como tema diario dunha propaganda desestabilizadora. Un dos socios de AGE, EU, expulsou das súas fileiras unha militante que se negou a aceptar os acordos previos con Anova. Por parte, o portavoz Beiras, nun xesto de dignidade, concedeulle a esta repunanta un asento nas bancadas de AGE. Polo tanto, EU e Anova estiveron á altura e resolveron o asunto con corrección.

Aínda é hoxe o día no que o caso desta deputada é presentado como unha prova das desavinzas no seo de AGE. Continuamente é agoirado un futuro no que AGE perderá os seus numerosos deputados e todos volveremos ser como eramos antes. É o intre no que a atención inimiga se fixa en Anova-Irmandade Nacionalista. Esta formación convocou un referendo interno, que gañaron os partidarios de manter AGE e a alianza con EU nas eleccións europeas. Naturalmente perderon os sectores de dereita que controlaban o aparato de Anova. Este acontecemento, pouco frecuente, de democracia interna foi interpretado coma unha crise máis no seu de Anova.

Certo, en Anova existen diferencias, aínda que, de momento, non se observe o menor indicio de escisión. Galicia ve en AGE, pois iso non pode estar oculto, un grupo parlamentario disciplinado. X.M. Beiras exerce a portavocía, e a outra figura relevante é Yolanda Díaz. Dous magníficos parlamentarios entre os cales non xurdiu nunca a discrepancia. Mil ollos espían cada día os movementos de Yolanda e Beiras, sen que aparezan indicios de disensión. Co cal AGE segue e seguirá medrando. E, os seus adversarios de todo tipo, desexándolle a morte.