Na noite do pasado venres no Balneario de Mondariz máis dun cento de persoas abeizoamos a Carlos Oroza con motivo do seu noventa aniversario e da publicación dunha edición popular de "Évame" (Editorial Elvira, 2013). Convocados por Xavier Romero, o editor, amigo e apoio vital do poeta, expresamos a nosa admiración a quen o granadino Tomás Paredes Romero, presidente da Asociación Española de Críticos de Arte, cualificou de "poeta enteiro, integral e universal", tanto pola "universalidade do que comunica" coma pola "intensidade coa que o fai, dende unha claridade e creación léxica únicas, imprimindo un alento, un ritmo no verso que ningún outro poeta utiliza nin promove coma el". Foi unha velada literaria pechada por Oroza recitando con coraxe dous dos seus máis grandes poemas, "Évame" e "América". Inesquecible.

Desde a súa chegada a Vigo, hai máis de tres décadas que coñecemos a Carlos Oroza (nacido en Viveiro o 13 de maio de 1923), o noso eterno poeta peripatético, un camiñante anónimo polas rúas viguesas na procura da inocencia, da grinalda e do poema. Oroza camiña polo rueiro noso coa ollada á espreita, longa e profunda, a propia dun tuareg urbano disposto a abraiarse e sorprenderse. Carlos fixo do paseo conversa e abrazo, lección moral e reflexión política intensa e fugaz. Do Calvario a Príncipe, da Porta do Sol á Laxe, de Beiramar a Bouzas, Carlos Oroza sobe e baixa amodiño, caligrafando cos seu pés un camiñar por Vigo insatisfeito e preciso, vangardista e demorado, coma tamén é o seu poema. "Todas las tardes paseo mi derrota por las calles de Vigo, alguna vez me paro en la orilla y espero algún barco", declarou unha vez para expresar a razón do seu deambular ás ceibas pola nosa cidade revolcada, a quen considera a súa cidade luz, a súa paisaxe nutricia, cidade de cristal, "o lugar máis semellante a miña idea infantil de Galicia". Afirmacións que expresan a súa pertenza á cidadanía viguesa, a pesar de ser poeta declarado sen patria nin bandeira, a voz de todos nós, capaz de facernos sentir co alento dos seus versos en "Alicia" (1985) o arrecendo da maruxía naquel recital memorable que deu hai dez anos con motivo da inauguración do museo Marco de Príncipe.

Bandido errante, definiuno o poeta Manuel Forcadela, Oroza deixou nos sesenta as súas pegadas de poeta maldito no madrileño Café Gijón, onde fundou a revista "Tropos", xunto a Víctor Lizárraga e Victoria Paniagua. Da súa estancia en Ibiza en 1969 naceron os versos de "Malú", máis tarde "Évame Malú", creando as palabras que faltan, iniciando un proceso de creación léxica e reescrita permanente, dicindo o que non se di, tocando o intocable, achegando o afastado, escribindo cos pés e mans, obsesivo na procura da cerna, da esencia e da finitude. Tras a súa viaxe a Nova York, a primeiros dos setenta, para recoller o premio internacional de poesía underground abrollaron os versos de "América", unha homenaxe a Poe, mais tamén unha tsunami de palabras medidas, exactas, que expresan a súa concepción da poesía como exercicio físico, respiración e silencio, melodía, cadencia e ritmo, canto e oración, concibido para ser pronunciado e escoitado. Foi Lawrence Ferlinghetti, outro membro da xeración beat, á que se adscribiu a Oroza, quen definiu a poesía como o que "berramos ao espertar nun bosque escuro en medio do camiño da nosa vida" e o poema como "instante fosforescente iluminando o tempo". Nesa exaltación sitúase Carlos Oroza, cando as palabras soñan que el as nomea (autopoética), escribindo en voz alta, procurando a outredade, organizando o caos, procurando sentido o absurdo da existencia.

Coma segrel camiñante, regresou a Galicia, "En el norte hay un mar que es más alto que el cielo", asumindo a tradición dos trobeiros galego-portugueses. Coma Mendiño e Martín Codax, desque vive nesta porción de terra gris do Norte, Oroza reside no mar que foi escrito, dignificando a comunidade na que vive, apostando por unha poesía que enxerga futuro, por un texto que anuncia, que avanza o que está por vir, o que escribe unha liña que soña, que pon no pé no aire para ver dende aquel outeiro a nosa cidade iluminada.

Autor dun poema único, escrito a xeito de rolo, miniado coma un códice, corrixido até a extenuación, Carlos Oroza fixo da poesía a súa vida. Pasou necesidades, mais nunca se queixou nin nunca se dobregou. Renunciou a todo, confesou a Rogelio Garrido nunha longa entrevista en Faro de Vigo, que "decidiu perder para gañar". Nunca se rendeu. "No es el orden ni es el tiempo el que nos da el placer". Con noventa anos continúa reclamando que "o trigo medre nas fronteiras", sabe que axiña "comenzará a chover e non haberá portais nin recantos para nós". Carlos Oroza é un poeta maior que merece a nosa gratitude, admiración e afecto. O Concello de Vigo débelle unha gran homenaxe.

bretemas@gmail.com