Non debe pasar desapercibido o centenario da descuberta do "Pergamiño Vindel", peza fulcral do patrimonio bibliográfico galego, conservada dende 1977 na biblioteca Pierpont Morgan de Nova York. Un pergamiño da segunda metade do século XIII, atopado como forro dun códice do século XIV nunha obra de Cicerón polo libreiro madrileño Pedro Vindel. Un pergamiño de 34 cm de longo por 46 cm de ancho, que contén disposto a catro columnas o texto das sete cantigas de amigo atribuídas a Martín Codax, acompañado dos pentagramas musicais de seis delas.

Unha primeira noticia desta extraordinaria descuberta para a literatura galega achegouna o propio Pedro Vindel cando publicou na revista "Arte Español", no número correspondente a febreiro de 1914, un artigo titulado "Las siete canciones de la enamorada, poema musical por Martin Codax, juglar del siglo XIII", acompañado cos fotogravados da primeira e da quinta cantiga. Probablemente contando coa asesoría do pontevedrés Víctor Said Armesto, primeiro catedrático de lingua e literatura galego-portuguesa da Universidade Central de Madrid, o erudito máis versado daquela sobre a lírica galego-portuguesa, o bibliófilo Vindel editou en 1915 un folleto de tirada moi reducida (apenas dez exemplares á venda), no que se recollía a totalidade do manuscrito, acompañado de diversas notas e de nove fotogravados en tinta negra. Unha publicación de enorme importancia para a nosa historia literaria xa que, como sinalou o profesor Xesús Alonso Montero, "constituía a proba documental de que as cantigas de tema profano existiran e funcionaran como tales cantigas". Lembremos que até entón só os máis eruditos coñecían as "Cantigas de Santa María", un corpus literario e musical de temática mariana elaborado no século XIII na corte de Afonso X O Sabio. Un privilexio o do noso cantor do mar de Vigo que dende 1990 comparte co rei don Denís, tras a descuberta en Lisboa polo profesor Harvey L. Sharrer dun pergamiño que contén a música de sete fragmentos de cantigas de amor do rei poeta de Portugal.

A historia do éxodo e exilio desta peza de ouro do patrimonio galego, reproducida por Xerais no ano 1998, coincidindo co ano das letras galegas dedicado aos cantores do mar de Vigo, merecería ser reconstruída con detalle. Cobizado dende a súa descuberta por musicólogos, bibliófilos e filólogos, parece que Emilia Pardo Bazán intentou convencer a Vindel para que a peza non saíse de España. Porén sería adquirida en 1918 por un prezo de seis mil pesetas por Rafael Mitjana, musicólogo e diplomático español residente en Suecia, que pretendía facer un estudo sobre a música do manuscrito. Tras a súa morte en 1921, o pergamiño quedou na súa biblioteca en Upsala, até que foi vendido polos seus herdeiros en 1961. Adquirido en data incerta polo bibliófilo profesional Otto Haas, foi posto á venda en Londres polo seu colega Albi Rosenthal, e adquirido pola xa citada biblioteca Pierpont Morgan, rexistrado como M979, onde quedou a disposición dos investigadores.

Foi na biblioteca novaiorquina onde Manuel Pedro Ferreira consultou o Pergamiño Vindel devagariño e convertiuse no seu mellor coñecedor. Froito daquelas pescudas o musicólogo lisboeta publicou "O som de Martin Codax" (1986), un libro no que ofrece unha análise exhaustiva do documento orixinal, realiza a transcrición diplomática, a edición integral do texto e da música (na que identifica a dous copistas), inclúe varias figuras ilustrativas e fotografa a totalidade do contido poético-musical. Sería tamén Manuel Pedro Ferreira quen dirixiría a agrupación de música medieval Vozes Alfonsinas na gravación do disco "As melodías de Martín Codax" que Xerais publicou en 1998, dende entón o documento fonográfico de referencia da seis cantigas codacianas.

Álvaro Cunqueiro escribiu que "se Vigo fose unha polis grega, se diría que foi fundada por un poeta, aquel Martín Codax que 'bailaba no sagrado de Vigo' e vía a súa amiga bañarse nas ondas". Para Xosé María Álvarez Blázquez, o trobeiro Martín Codax é "o vigués máis universal de todos os tempos", tendo Vigo o privilexio de ser coñecida no mundo pola graza dun poeta "para quen a súa vila natal era cifra e suma de todos os seus amores", facendo da terra nosa vértice da espiritualidade peninsular. Este 2014, ano do centenario do Pergamiño Vindel, o primeiro libro da nosa literatura, é unha oportunidade para volver sobre a proeza dun poeta sen biografía, ese descoñecido Martín Codax de quen por ventura conservamos a alfaia sas súas sete cancións orixinais de raíz popular. O xeito máis brillante de facelo sería organizar en Vigo unha exposición didáctica na que se contase co propio Pergamiño Vindel recuperado durante uns meses do seu exilio transoceánico. Pagaría moito a pena sequera intentalo.

bretemas@gmail.com