Uxía Senlle celebrou o pasado venres os seus vinte e cinco anos nos escenarios cun concerto íntimo na Cidade da Cultura. Acompañada de Sergio Tannus (excepcional guitarrista brasilego), Xoán Porto (instrumentista folk galego) e Paulo Silva (percusionista brasileiro), a grande cantante de Sanguiñeda reinterpretou os clásicos do seu amplísimo repertorio.

Unha viaxe iniciada pola artista de Mos cando gañou o premio do Festival de Bergantiños (1985) e gravou o seu primeiro disco, "Foliada de marzo" (1986). Un itinerario que seguiu durante catro anos na súa etapa como voz do grupo folk Na Lúa, co que gravou dous discos, "A estrela de maio" (1987) e "Ondas do mar de Vigo", e supuxo o seu inevitable debut como solista coa grabación de "Entre cidades" (1991), unha viaxe literaria e musical polas cidades do mundo, con certo aroma de ritmos pop, composta e arranxada por Xosé Paz Antón, o líder da formación porriñesa. A súa consagración internacional como cantante e o seu inicio como compositora chegou con "Estou vivindo no ceo" (1995), disco que gravou co multiinstrumentista portugués Julio Pereira. Os seus traballos posteriores "Danza das areas" (2000), "Eterno navegar" (2008), "Meu Canto" (2011) e "Andando a Terra" (2012), este último en homenaxe ao poeta Manuel María, amosan a súa capacidade para dialogar e experimentar coas músicas do mundo, con especial atención ás do entorno da lusofonía.

É a de Uxía unha traxectoria extraordinaria madurez, tanto pola súa coherencia e diversidade coma pola súa calidade artística. Verdadeira pioneira da canción de autor en Galicia e en galego, Uxía asumiu un compromiso inequívoco co proxecto de normalización da música galega, traballando como cantante, compositora, produtora ou divulgadora da nosa música tradicional no programa "Alalá" da TVG, facetas todas elas do seu traballo artístico nas que reivindicou, como salienta José Colmeiro, profesor vigués da Universidade de Auckland, "a súa condición de muller fronteiriza". Dende o comezo da súa traxectoria, Uxía rachou a fronteira que nos viraba de costas coa música portuguesa, amosándose moi sensible ás influencias que "van e veñen doutro lado do río Miño e das outras beiras do Atlántico". Cunha intención de renovación e recuperación vivificadora, Uxía bebeu sempre da tradición da música popular, tanto da galega como daqueloutras de Portugal, Cabo Verde, Angola, Mozambique ou Brasil. Músicas presentes, dende hai dez anos, no festival "Cantos na maré", do que é directora artística, no que se encontran e dialogan músicas e músicos con raíces nestes territorios da lusofonía, un espazo estratéxico para a lingua e cultura galegas, máis tamén para a nosa proxección económica internacional, como ten salientado a ILP Valentín Paz Andrade presentada no Parlamento de Galicia.

A voz é o instrumento de Uxía. Unha voz prodixiosa, propia dunha virtuosa, capaz de chegar a modular os rexistros máis diversos e as tonalidades máis amplas dun repertorio propio e popular amplísimo. Mais a voz é para ela, ademais, a primeira expresión dun canto e dunha música popular que non se poden perder como patrimonio colectivo. Desa convicción naceron algúns dos seus proxectos musicais máis fermosos como produtora, o de darlle voz ás mulleres, e dentro delas a aqueles colectivos con menos posibilidades. Promoveu a creación das Cantareiras do Berbés de Vigo e do grupo Malvela de Mos, formado por mulleres maiores, que leva gravados xa dous discos e realizados numerosos concertos, con grande éxito. Promoveu a grabación do disco "Na flor dos meus anos" (2007) da Señora Carme, a octoxenaria solista de Malvela. Foi tamén Uxía quen produciu o disco e o documental de Batuko Tabanka (2009), o grupo de mulleres da colonia caboverdiana de Burela.

Idéntica convicción, a de manter a nosa voz e preservar o canto popular, lévaa agora a participar en proxectos de música infantil galega, un espazo para a esperanza do noso idioma e da nosa cultura. Uxía produciu o disco de Magín Blanco "A nena e o grilo" (2010), colaborou no exitoso "María Fumaça" (2012) e acaba de iniciar a xira de presentacións do seu "Rosalía pequeniña" (Galaxia 2013), o libro disco no que actualiza a obra de Rosalía de Castro con cancións para o público galego máis novo.

Uxía amosou en todos estes traballos que a súa voz é a dunha artista sen fronteiras, unha muller plenamente comprometida coa sociedade galega, co seu futuro (portavoz da plataforma Nunca Máis) e plenamente aberta oa mundo. Como escribiu José Colmeiro no magnífico retrato que lle fixo para o libro "Galeg@s sen fronteir@s" (Xerais 2013), "Uxía leva a música galega polo mundo e é tamén promotora da fusión coas músicas do mundo". O traballo artístico de Uxía é un modelo do que podería ser a estratexia para a cultura galega do noso tempo. Parabéns, Uxía, por este fermoso camiño!

bretemas@gmail.com