"As pensións axustaranse, no inmediato futuro, en función da caixa da Seguridade Social e mais da esperanza de vida": velaí os titulares que os medios de comunicación difundiron nos pasados días logo de que o comité de expertos do Goberno das Españas emitise o seu Diktat -digo, as súas amables recomendacións- arredor daquilo que lles (nos) agarda a tutti quanti "peinamos canas" e/ou andan/andamos en trance de semellante proceder. O que traducido ao "cristiano" vén significar que un traballador que se retire no ano 2020 vai cobrar un 4,1% menos do que agora mesmo acontece: cantidade que aumentará até un 10% no 2030 e aínda a un 15% no 2040, sempre e cando, claro é, para daquela non teñamos chocado cun ningún meteorito punk e/ou os alien non teñan desembarcado nos areais de O Vao.

Non explican os diferentes medios canto tempo demoraron os moi lizgairos especialistas en atinxir tan sutil conclusión. Non obstante, cabe inferir que a cousa non debu retardarse demasiado; sabido é que en materia de Nostradamus et alii gozamos dunha acreditada solvencia por estes pagos: velaí, sen ir máis lonxe, as predicións respecto ao cambio climático efectuadas no seu día por D. Mariano Rajoy -previa consulta co seu curmán- ou aínda esoutro recorrente acerto anual canto á imposibilidade absoluta de que España volva gañar Eurovisión. Con todo, e por se os, sempre moi amables, lectores destas liñas semanais aínda albergasen incertezas, pemitan que este modesto cronista lles ofreza algunha aportación.

A ver: supoñamos, por un momento, que o Vaticano decide abeirarse ao aggiornamento e preguntar(se) publicamente en relación co futuro do dogma. Para tal aventura adecua un comité de doce -apostólica cifra- peritos: deles, dez frecuentan diariamente a Eucaristía; outros dous manifestan un suave agnosticismo, se ben que non renuncian a caeren do cabalo camiño de Damasco ou de Medina del Campo; en fin, o terceiro é alguén que presume de ateo de luns a sábado, mais que todos os domingos e festas de gardar cumpre cos seus deberes na parroquia cercana. Cal viría ser o resultado do inquérito? A ver, un pouco de imaxinación, por favor.

En Pyonyang, Kim II-Sung, da súa parte, anda farruco e decide artellar unha consulta sobre a necesidade/falta dela respecto dunha hipotética democratización do sistema. Canda o "amado líder" acoden doce expertos expertísimos: dez deles levan no antebrazo a indeleble marca da vacina do Partido dos Traballadores de Corea; outros dous manifestan (pequenas) veleidades pro-chinesas; en fin, un terceiro defende o capitalismo na súa casa e en ceas íntimas. - agora... tampouco ten claro Vde. a sentenza?

"Son profeta porque/cando me peta". Non deixa de ter o seu aquel, desde logo, que a mesma xente que se mostrou absolutamente incapaz de advertir a que se nos viña enriba, alertar sobre os perigos de burbullas, despilfarros e esmorgas mil; eses mesmos que consideraron que a entrada no euro e mais a globalización globalizadora constituían inequívocos sinais dunha chuvia de maná, caviar beluga e Dom Perignon día si e día tamén ao alcance de todos e de todas... ; os moi afoutos cruzados da causa única neo-liberal -contraria, por pura idiosincrasia doutrinal, a calquera sorte de planificación pública das finanzas- vaian responsabilizarse da bóla de cristal, do tarot, pousos do café e/ou do voo das aves e nos expliquen que vai ser de nós de aquí á metade do século que habitamos. Meus: déixesense de gaitas. Que buscan, cal é a propaganda que se oculta por detrás dos agoiros?

Como deixamos escrito neste mesmo lugar a semana pasada, nada máis lonxe dun servidor que xogar ás teorías conspiranóicas; non obstante, paréceme que tres son os obxectivos da comisión pro-gubernamental: a) desartellar a intención pro-xubilación de todos aqueles que agora mesmo, e vendo como está o patio, chegaron á conclusión de que, tan logo como poidan (poidamos), solicitamos o pase á reserva; b) que admitamos, en consecuencia e diante do medo a non cobrar (ou cobrar un retiro anano), a necesidade de continuar en activo até os setenta, mesmo se de aquí aló temos que traballar máis horas e percibir menor salario; c) participarmos todos dos plans privados de xubilación (próximo negocio para a recapitalización bancaria). Xa que logo, tres obxectivos diferentes e un só resultado verdadeiro: coitados todos/as aqueles que están agora entre os 20-30 (e tantos) anos de idade: a este paso, nunca, xamais... o Estado de Benestar ha de conformar o seu reino. Realmente, non sería de extrañar que, na vez de rodearen o Congreso, a próxima reivindicación pase por poder acceder libremente ao bar de semellante asemblea: coa copa de Rioja a 1, 50 euros, non hai revolución que resista.