Hoxe atragoei co almorzo coa noticia publicada no seu diario onde se informa que o PSOE de Cangas creba e demiten Martín Piñeiro e Toñi Queimaño de todos os seus cargos. A pregunta que me fago é: ¿valeulle ou vaille valer de algo á sra. Vilas romper o Partido en anacos por satisfacer o seu ego e para que todo xire encol dela?.

Pois non, señora, non.

A Agrupación de Cangas ten vivido episodios peores có seu e saiu adiante pero, iso si, facendo limpeza de persoas coma vostede. Eu non sei se vostede sabe que o Partido ten moitos anos de historia e o 99,99 % deses anos sen xente coma vostede. O Partido vai seguir cumprindo anos e as persoas coma vostede desaparecen cando deixan de "lucir o palmito".

Fraco favor lle fai vostede a esta Agrupación nestes intres que está a vivir a política.

Agardo que despois desta desfeita se decate, sra. Vilas, que os/as afiliados/as xa manifestaron moitas veces nas asambleas que non contaban con vostede para nada. Xa pasou cando se votou ás/ós representantes da Corporación e quedou fóra ó non recibir o apoio das/os veciñas/os o proxecto político que integraba.

Como ía apoiar o pobo a xestión que se fixo no goberno onde vostede era a Concelleira de Tráfico. Tan ben o fixeron que o pobo xuntounos no banco da oposición; e agora vén vostede a dar clases de proxectos que non funcionan. A irresponsable é vostede. Di que lle desexa o mellor a Martín Piñeiro na súa vida persoal e que, agora que ten traballo, tamén lle desexa que o conserve xa que é bastante duro mantelo hoxe en día.

¿Que insinúa?. ¿Que Martín veu ó Partido a que lle deran traballo?.

Creo que ten tal obsesión co compañeiro que non é feliz nin debe descansar moi ben.

Sra. Vilas, despois da desfeita da que é culpable neste Partido, se tivese un pouco de dignidade, iría para a súa casa sen dar un chío máis. Os afiliados da Agrupación Socialista de Cangas van escribir o seu futuro pero con vostede e xente coma vostede lonxe, porque, nestes intres non está capacitada para ser protagonista de nada. Vostede (nin outras persoas da súa categoría política) NON está capacitada para representar ó P.SdeG.-PSOE.

Por certo, xa que tanto se lle enche a boca de verbas grandilocuentes sobre aquilo de que son os afiliados quen teñen que decidir e escribir a historia da Agrupación que me atrevo a proporlle un reto:

Solicite vostede unha asamblea extraordinaria, poña o seu cargo a disposición do Partido e que sexan os afiliados quen decidan se queren que sexa vostede a voceira do Grupo Municipal ou que se vaia par a súa casa. Sexa Valente e dea ese paso á fronte.

* Militante de Cangas