Chegamos á Illa de Ons cargados de expectativas, de material e de cansancio. As moitas horas en coche dende Barcelona foron soportadas, dende o principio, pola ilusión, polas ganas de enfrontarnos ao proxecto que tiñamos diante e polo desexo de sermos ben recibidos na Illa.

O certo é que chegabamos un pouco nerviosos: o tempo non axudara na Semana Santa e impedira que fixésemos unha visita para coñecer a xente de Ons, polo que nos atopabamos expectantes polo que puidese acontecer. Mais todo foi sobre rodas, ou mellor dito "a patas". Percorrer a Illa de cabo a rabo en numerosas ocasións foi un pracer, porque sabías que alí onde chegases habería unha persoa disposta a colaborar, un sorriso que te recibiría na porta da súa casa, pescando en Fedorentos, camiño do Faro ou na de Checho.

O noso traballo limitábase a cinco días de rodaxe. Moi pouco tempo para todo o que se pode aprender en Ons, para todo o que che teñen que contar quen vive alí, para gozar dunha Illa que, mentres gravas, márcate profundamente. Non só pola paisaxe, Ons na primavera está pintada cunha paleta de cores envexable, senón por aqueles que a habitan: Manolo, por darnos un teito, os gardas de Parques por ternos guiado coas súas indicacións os días que alí estivemos, a xente de Casa Checho, todos/as que dun xeito ou doutro se sintiron protagonistas do noso traballo.

Fixeron que o noso labor puidese lucir probablemente máis, pero sobre todo conseguiron que crésemos máis no noso proxecto. Lograron que nos sentísemos coma na casa, e non sabemos cando, pero sí que volveremos. A completar o noso traballo, pero fundamentalmente para volver gozar dun Illa que nos chegou ao fondo. Para volver degustar as conversacións infinitas e para seguir aprendendo de todas e todos eles: de Chefa, de Cesáreo, de Victoria, de Aurita, de Emilio..., de todas/os e de cada un dos que forman parte da Illa.

Saímos dela cargados de experiencias, de material audiovisual e, sobre todo, de aprendizaxe, unha aprendizaxe que tan só se adquire na escola da vida.

Grazas.

*Clàudia Barberà, Nicolás Martínez, Carlos Martínez-Peñalver, Pau Torres