Tras o anuncio do ministro Gallardón de eliminación do suposto de aborto nos casos de minusvalía do feto, son numerosas as voces que se están a amosar críticas con esta proposta. Así, algúns organismos, asociacións e líderes políticos opóñense a esta medida argumentando que se trata dun atentado contra a liberdade das mulleres e que incluso suporía un retroceso e unha volta á lexislación franquista. Acaso decidir que un feto con síndrome de down non é merecedor de vivir non é un verdadeiro atentado contra o dereito á vida? Realmente non se aproxima máis a un réxime como o franquista contar cunha lexislación que permita ós proxenitores decidir que un feto, polo feito de contar con determinada discapacidade, non é digno de recibir a oportunidade de vivir? Quizais estas voces partidarias do aborto euxenésico non dedicaron alomenos uns minutos a reflexionar verbo de qué opinión lles merecen tales comentarios ó colectivo de persoas con diversidade funcional. Para quen tivemos a sorte de traballar e contar entre o noso grupo de amigos con persoas pertencentes a este colectivo soennos resultar indignos e ofensivos comentarios como os descritos anteriormente.

Por outra banda, considero interesante ter en conta a convención do Comité sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que España asinou no ano 2008 e que a finais do 2011 recomendou ó noso goberno eliminar o suposto de interrupción do embarazo por razón de discapacidade. Un argumento moi empregado por certos grupos a favor do aborto é o do famoso dereito a decidir. Pois ben, na miña opinión pais e nais, efectivamente, teñen dereito a decidir sobre aspectos tan diversos coma o tipo de escolarización que prefiren para os seus fillos, a lingua que empregarán nas súas interaccións, o estilo parental que os caracterizará ou o tipo de ensinanza relixiosa/non relixiosa que o seu fillo recibirá. Sen embargo, considero que ninguén, nin sequera os proxenitores, está cualificado para decidir qué condicións xenéticas son merecedoras de desfrutar da oportunidade de vivir e cales non o son.

*Veciño de Xaxán (Lalín)