Vai xa para dous/tres anos que este, seu, cronista deliñara aquí mesmo algunhas observacións arredor de "O tigre branco", a magnífica novela coa que o escritor e xornalista indio-australiano Aravind Adiga resultou vencedor do Premio Booker no ano 2008: sen dúbida, un dos máis prestixiosos galardóns que se conceden a obras de ficción redactadas en lingua inglesa. Procedente dunha das áreas máis deprimidas da India -a "India da escuridade", como aparece subliñada no relato-, o protagonista de "O tigre..." marcha a traballar en Delhi ao servizo -en realidade, toda unha neo-escravitude- dunha familia de novos ricos. Logo dun verdadeiro rosario de angueiras, labores tiránicos, episodios de asoballamento e humillación..., sen máis armas que a súa intelixencia natural e, desde logo, coa enorme vontade de sobrevivencia dun verdadeiro pícaro á oriental, Balram Halwai -que non dubidará en acudir, chegado o caso, ao suborno e mais ao asasinato- acaba por converterse nun ascendente empresario na "India da luz", concretamente na cidade de Bangalore.

No obstante, naquel artigo de 2009/2010, lembro ben que eu me detivera especialmente en comentarlles a Vdes. a impresión que me causaran certos parágrafos da novela nos cales os ricos da India discutían entre eles en relación á súa propia identidade. O xefe (amo) de Balram, Ashok, chega a ser recriminado polos seus iguais por mor das ideas humanizadoras que pretende continuar no seu país natal: "Isto é a India, non América. Aquí unha persoa pode ser absolutamente rica, sen ningunha clase de límites e sen lle ter que dar a ninguén contas sobre a orixe desa riqueza; ademais, tampouco hai lindes para os privilexios que o poder dos cartos produce. Algún día, os americanos, todos os occidentais virán decatarse de que aí radica o por que do noso ascenso e mais o motivo da súa decadencia."

En 1995, Agustín Díaz Yanes, da súa parte, filmou "Nadie hablará de nosotras cuando hayamos muerto". No inicio da fita, un narcotraficante mexicano espétalles a dous axentes da D.E.A. (que se fan pasar, tamén eles, por narcos) algo así como: "Uds. los gringos piensan que están en decadencia por causa de los chinos. Fíjense en los gachupines: también ellos tuvieron su momento. Pero tanto ellos como Uds. etán deprimidos no por causa de los chinos, sinó porque ya no chingan con sus mujeres y dejan que lo hagan los negros, los moros..."

"Aínda ben -coido que escribín naquela columna que estou a citar- que certos ricos de por aquí moi dificilmente irán ver 'Nadie hablará de nosotras...' e, moitísimo menos, se han de ocupar das páxinas de 'O tigre branco'. Aínda ben porque de contemplaren a película e/ou leren o libro... que sería de nos, amiguiños?"

Maldita capacidade profética, a miña, desde logo. Porque está claro que non só certos ricos, senón aspirantes a tal condición pola vía máis rápida -xa saben Vdes: aqueles que declaran ter cursado estudios na "mejor universidad, la universidad de la calle"- si que visionaron a fita de Díaz Yanes e rillaron con proveito para eles nas páxinas da narración de Adiga. Dispostos, xa que logo, a reconquistar para Occidente o prestixio, o poderío, a preponderancia perdidas, velaí como aprenderon a lección: efectivamente, chingan, digo, actúan -cada día máis e mellor- convencidísimos que tamén en Alemaña -si, en Alemaña-, Francia, Países Baixos..., e xa non digamos en Grecia, Italia, Portugal ou España, prazas de soberanía e Perejil adxuntos... tamén é factíbel ser absolutamente rico, sen fronterias nin estremas para o exercicio, ostentación, fachenda desa riqueza; sen ningún couto para a arrogancia dos privilexios, da vaidade, o dominio, a exhibición obscena do poder físico inmediato que o diñeiro comporta. "Estado de benestar? Sanidade e educación gratuítas? Acceso democrático á xustiza, á cultura, ao transporte...? A santo de qué todo iso? Por que pagar impostos e mais impostos que só benefician a masas de indixentes cuxo único obxectivo consiste en vivir da teta de mamá-estado? Para que, igualmente, funcionarios co posto de traballo asegurado de por vida? Hai que privatizalo todo, mesmo o aire que respiramos debe ter prezo!!"

Non; non se trata dunha crise económica, sen máis; non é simple cuestión de máis/menos débeda. Frente á falacia de que son os números os que deciden -"é que todos vivimos estes anos por enriba das nosas posibilidades"- a verdade é que raíz da desfeita que habitamos, está a pura e dura ideoloxía. Mortas e enterradas as vellas fantasmas -aqueles mísiles soviéticos a nos apuntaren arreo-, inútil, por inservible, caduca, a social-democracia... os poderosos, e aqueles que os representan, consideranse absolutamente inmunes. A fin da historia chegou e, seica, atopounos a eles subidos no máis elevado do cume.

Só resta a esperanza, daquela, de que escrito está que todo o que semella sólido está destinado a esvaer no aire. "Tan só é cuestión de tempo" -valoran os optimistas-. O malo é que o tempo vén ser unha medicina que non se despacha en farmacias.