Campo de Granada

A LOMCE e o futuro da escola pública

20.05.2013 | 00:00

A pesar do informe do Consello de Estado sobre o texto do anteproxecto da LOMCE e da folga do 9 de maio, o ministro Wert non modulou nin moito menos os contidos da súa reforma educativa. A última hora e coa discreción necesaria nestes casos, o ideólogo de FAES introduciu as mudanzas educativas que dende hai tempo solicitaba a Conferencia Episcopal Española. Ademais de eliminar a asignatura de Educación para a Cidadanía, a besta negra do cardeal Rouco, Wert blindou in extremis, en contra da sentenza do Supremo, o financiamento dos colexios que segregan ao alumnado por sexo, pertencentes na súa maioría ao Opus Dei, prelatura que no Consello de Ministros conta con varias carteiras. Se isto xa non lles abondase ás autoridades eclesiais, o ministro axeonllouse diante delas reforzando o peso da asignatura de Relixión, que pasará a ser avaliable, contando tanto para a repetición de curso como para solicitar unha bolsa de estudos. Unha vitoria da Igrexa por goleada.

A pesar de que aínda non se publicou o texto, as informacións amosan que na redacción definitiva da LOMCE, ademais desta maior confesionalidade, se acentúa o obxectivo da centralización curricular, o que Wert definiu como "españolizacion do alumnado catalán". Homoxeinización provocada tanto pola vía da modificación do sistema de promoción (outra das novidades do proxecto) como polas probas de avaliación externas de Secundaría, as reválidas, cuxo deseño quedará en mans das autoridades educativas do estado. Outrosí sucede coa fixación das ensinanzas mínimas, nas que se diferencia entre materias troncais (cuxos contidos, horario e estándares de avaliación serán fixados ao cen por cen polo Ministerio), específicas e de libre configuración autonómica. Un modelo curricular que podería invadir as competencias exclusivas, establecidas nos estatutos de autonomía de comunidades como Galicia, sobardando as competencias reservadas ao Estado no artigo 149 da Constitución. Como é ridiculamente centralista deixar fóra destas troncais ás chamadas "linguas cooficiais" (tamén é o castelán cooficial nas comunidades con lingua propia), considerándoas como "de libre configuración autonómica" ("linguas de terceira"?), coa inseguridade xurídica que iso poderá supoñer para o seu estatus educativo. Como é "pintoresco" (hai outro eufemismo?) o sistema deseñado por Wert obrigando á Generalitat a pagar un centro privado a quen queira utilizar tamén (que non só) o castelán como lingua educativa vehicular en Cataluña. Unha vitoria do centralismo máis reseso.

Polo anunciado, no resto do proxecto da LOMCE mantense a medula da Lei Wert de sempre: a segregación temperá a partir de 3º de ESO; a penalización ao alumnado repetidor (un 40% dos de 15 anos, ao que se considera coma un gasto valorado por Wert en 2.500 millóns de euros); a liquidación do modelo de participación da comunidade escolar na xestión dos centros (creado pola LODE en 1985), que será substituída polas direccións ás ordes das autoridades educativas. Porén, sendo a elevada taxa de abandono temperá (co 24,5% duplica á da media europea, moi lonxe do compromiso de baixar do 10% recollido na Axenda 2020) a razón de ser desta reforma educativa (así foi presentada a Bruselas polo Goberno no "Plan Nacional de Reformas"), ademais de xustificación do seu cofinanciamento polo Fondo Social Europeo, estraña que Wert non fale apenas de medidas de apoio ao alumnado con maiores dificultades nin de medidas inclusivas de atención á diversidade. Como é decepcionante que no discurso pedagóxico da lei e na retórica mercadotecnócrata do ministro se substitúa a prioridade do desenvolvemento das competencias e capacidades de todo o alumnado (a cerna do modelo de educación comprensiva da LOXSE e da LOE, unha longa e custosa conquista social) pola da avaliación que "canaliza aos estudantes" en función "da súa diversidade de talentos" (eufemismos de segregación ou "selección natural"), como se facía no sistema educativo anterior á LOXSE. Ademais, a insistencia da LOMCE na centralización dun currículum xerarquizado polas materiais troncais e moi condicionado polos contidos das reválidas, fronte a minusvaloración das áreas de formación humanística, artística e tecnolóxica, afasta a educación non universitaria do seu indispensable papel no desenvolvemento integral das persoas e de formación cidadá. En definitiva, a retórica conservadora da Lei Wert liquida de raíz o ideal de equidade educativa, que non é outro que o de educar para a igualdade desde a diferencia.

A LOMCE abre un horizonte moi sombrío para o proxecto de escola pública como garante de igualdade e equidade educativa, á que se pretende transformar apenas en rede subsidiaria ou asistencial. Coa aprobación da LOMCE a escola pública retrocedería tres ou catro décadas. Iso é o que pretende Wert e o Partido Popular?

bretemas@gmail.com

Suscriptor | Opinión

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

J. ARNEIROS TORCELA *

Pequeña historia de los cine clubs en Ourense

El 28 de diciembre de 1928 se creó en España, en la...

 
 

JAVIER SÁNCHEZ DE DIOS

La evaluación

Una de las sorpresas que ha deparado este verano que parece no acabarse nunca -sus calores...

 
 

SANTIAGO LAGO PEÑAS*

Un debate desenfocado

Me temo que el debate sobre el turismo que se está desarrollando en España en las...

 
 

MATÍAS VALLÉS

Trump triunfaría en Corea del Norte

El conflicto de Corea del Norte demuestra que el planeta no puede...

 
 

JOSÉ MANUEL PONTE

El guion de los atentados

Es inevitable seguir hablando de los trágicos sucesos de Cataluña, de sus...

 
 

PEDRO DE SILVA

Abatidos

Abatir, en primera acepción (RAE) es derribar algo, echarlo por tierra. Solo en cuarta...

 
 
Enlaces recomendados: Premios Cine