Militar na esquerda transformadora nos anos 90 non era tarefa doada. Os apoloxistas da teoría do "Fin da Historia" de Francis Fukuyama lembrándonos a cada paso a caída do muro de Berlín e con el o descrédito do socialismo chamado ate entón real, as apabullantes maiorías electorais do PP que impregnaban pouco a pouco a conciencia social; a cultura do pelotazo urbanístico, de comprar pisos e casas como inversión, dos encofradores en Audi A6 e vacacións en Marbella?.

Neses tempos, escuros e con poucas cartas para navegar, é cando coñecín a María Luisa.

Para unha muller como Luisa esa correlación de forzas que vivía a nosa sociedade tampouco era alentadora; pero sucedía que ela viña de loitas titánicas como as do comité antisida de Vigo dos anos da aparición dese estraño virus, viña das loitas contra os devastadores prezos que pagaban os mozos e mozas pola rápida viaxe da droga, da difícil creación de espazos de debate e confluencia na esquerda política que saíra fragmentada do tardofranquismo. Por iso o seu optimismo e traballo era como un faro en tempos moi escuros, unha referencia á hora de encontrar motivos e razóns para continuar a navegar entre os procelosos mares do pensamento único.

Asumiu que a militancia era sobre todo un compromiso coas causas organizadas; participou sen descanso en asociacións, plataformas, comités?, amosounos que sen mobilizacións continuas e sostidas no tempo esa "longa noite de pedra" seguiría sendo escura e desesperanzadora. Deunos trazas que hoxe perfilamos como acertadas de cómo construír ese proxecto amplo e plural da esquerda transformadora que é Esquerda Unida. En tempos onde esa tarefa nin tiña descanso nin moito menos recompensa.

Fóisenos estes días de súpeto, nuns días que voltan a ser escuros, nos que fai falla máis que nunca o seu alento e esforzo ante unha sociedade que féndese en pedazos polos recortes, a exclusión e o sempiterno abafo dos ladróns da plusvalía. Hoxe, cando desaparece por obra e gracia dos Orzamentos Xerais do Estado case todas os programas de prevención do contaxio do VIH, desaparecen os servizos sociais e asistenciais liquidados por unha troika impasible, hoxe facíasnos moita falla Luisa, como ese faro que sempre fuches sen preténdelo.

Na túa despedida no tanatorio de Pereiró estes días estábamos moitos amigos e amigas. Entre eles un rapaz que sen dúbida estes meses sentiu a luz que deixaches nunha das últimas loitas que emprendiches. Chamáse David Reboredo, na noite fría da cela seguro sentiute como faro para tempos escuros. A súa presencia na túa despedida é a mostra de que, como decía o nicaragüense Ernesto Cardenal, "somos un exército derrotado dunha causa invencible que non é outra que a causa da humanidade". Grazas Luisa

*Coordenador de Esquerda Unida en Vigo