O vindeiro 17 de maio celebramos o Día das Letras Galega en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, a figura que representa a dignidade insubornable do teatro galego, o máis prolífico autor da historia da dramaturxia na nosa lingua e un dos escritores principais da literatura galega do derradeiro cuarto do século XX. Unha celebración coincidente co sequiscentenario de "Cantares gallegos", o libro fundacional de Rosalía de Castro, orixe tamén desta efeméride, creada a raíz do centenario da súa publicación no obradoiro tipográfico que Xoán Compañel Rivas tiña na viguesa rúa Real. A lembranza e exaltación de Rosalía e Vidal Bolaño centran, pois, o intenso programa de actividades deste día (semana e mes) das letras galegas, desenvolvido en todo o país, sobre todo dende a iniciativa civil de asociacións culturais e centros educativos, no que non pode faltar espazo para a reivindicación dun estatus de dignidade para a lingua galega.

Debémoslle a don Paco del Riego a creación do 17 de maio. Unha proeza que ten relatado en diversas ocasións. "Tendo Galicia unha lingua e unha literatura de seu, debería contar tamén cunha data simbólica consagrada á rememoración exaltatoria da mesma. Dándolle voltas ao asunto, andivemos á precura dun día que tivese un acento significativo na historia da nosa cultura. Nesa andaina, batemos co 17 de maio no que Rosalía de Castro lle adicou a Fernán Caballero, en 1863, a súa obra "Cantares gallegos". Foi así como resolvemos identificar a data devandita, coincidente co centenario do volume rosaliano, denominándoa Día das Letras Galegas".

Del Riego procurou o apoio da Academia Galega para esta idea, que algúns numerarios non quixeron subscribir. Si o fixeron Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo que o 20 de marzo de 1963 asinaron a proposta redactada por don Paco. Un documento para a historia da nosa lingua onde se argumentaba que o libro rosaliano fora a primeira obra mestra coa que contou a Literatura galega contemporánea, "fornecéndolle prestixio universal á propia fala como instrumento de creación literaria". Que a celebración do acontecemento significaba "transmitir ao país a mensaxe contida nos Cantares". Que a Academia, como órgano oficial da cultura autóctona, "debería consagrar o simbolismo da data, con carácter de perdurabilidade, nunha celebración anual". Que se contaría deste xeito, para o porvir, "cunha xornada adicada oficialmente a honrar os libros galegos e aos seus autores". "Que cumpría abrir camiños para esparexer e anchear o ámbito da lectura na lingua do país". Unha proposta irrefutable que foi aprobada por unanimidade o 28 de abril de 1963 pola xunta xeral ordinaria da RAG, sendo máis tarde autorizada polas autoridades franquistas.

A creación cultural do 17 de maio foi en 1963 outra xenialidade de Paco del Riego. Tivo unha indubidable significatividade histórica, xa que non só se celebraba a proeza de Rosalía de Castro e o editor Compañel, senón que tamén abría un vieiro (que dende entón nunca se interrompiu), coa intención de crear unha tradición de libros e escritores, "sombras exemplares que serviron a Galicia a través da lingua propia" (palabras de don Paco), poñendo en vixencia a súa obra, axudando a que "a nosa buxola non perda rumbo de continuidade". Naquel primeiro ano, en 1963, como testemuña un foto histórica de Magar, xa houbo un acto oficial en Vigo, a entrega por parte de membros da Academia Galega dun exemplar de "Cantares gallegos" (probablemente a edición do centenario preparada por Fermín Bouza Brey e editada por Galaxia) ao tenente alcalde Varela Grandal.

O significado e a natureza da celebración da efeméride foi collendo relevancia e mudando na medida en que o fixeron as condicións socio-políticas. Un proceso no seu conxunto exitoso, mais non exento de polémicas, tanto polas figuras elixidas pola Academia coma pola rotineira ritualización culturalista coa que se celebrou institucionalmente a partir de 1991, cando a data foi declarada festiva pola Xunta de Galicia. Unha deriva felizmente quebrada pola Academia nos últimos anos coa elección de figuras como Lois Pereiro e Vidal Bodaño e coa realización de novidosas actividades de comunicación dixital.

Coincidindo co sequiscentenario rosaliano, o 17 de maio debe reinventarse dende o alicerces fundacionais de del Riego. Precisa un novo pulo como "día da lingua, da literatura e do libro galego do século XXI", en definitiva, unha efeméride para "anchear os vieiros da lectura en galego" como pretendía don Paco. Unha efeméride que debe ir da man da celebración do "día internacional da comunicación" e do "día de internet", que se celebran en todo o mundo ese mesmo día. Unha oportunidade marabillosa para que vaian da man a cultura dixital e a lingua galega, superando prexuízos e gañando espazos de autoestima para as persoas que as empregan. Sen esquecer nunca, o carácter reivindicativo, mobilizador e festivo dunha data, que debe continuar sendo festiva. Neste 17 de Bolaño e Rosalía, arriba corazóns galegos!

bretemas@gmail.com