Veu o calor, ou polo menos o sol despois de meses de estar baixo dunha manta de auga, e posiblemente, se xa son horas, teña unha caña diante. Se é que si, siga (bebendo e lendo, non é incompatible quitado o improbable caso de que Vd. sexa George Bush, sénior ou júnior, ou un ser cun equipamento intelectual similar). Se non, pida outra. Se se estaba cortando porque ten que conducir, abandone a idea. Non a de cortarse, senón a de coller o coche. O coche ten vantaxes, non o discuto. Por exemplo, ir a outro bar, ou para casa. Pero por qué ir a outro bar, quitado que o traten mal neste. En canto a ir para casa, vostede saberá onde está mellor. Porque diante da caña, ou en trance de pedir outra, está tan tranquilo e á súa bóla, mentres conducir é o mesmo que espir a nosa alma en público.

A realidade é que somos cómo conducimos. Mesmo hai quen pensa que somos o que conducimos, e así se vende tanto coche de gama alta que a partir do 20 de cada mes queda parado ata primeiros do seguinte. Non fai falta ser moi agudo para asegurar que se alguén sae sempre a fume de carozo queimando goma, xa pode ceder o paso ás señoras e axudar a cruzar vellas que irremediablemente collerá fama de macarra (ou de non saber embragar). Mesmo algo tan irrelevante como os intermitentes revelan a personalidade de quen vai o volante. Está comprobado que os que van en coches escuros e potentes nunca os poñen, entre outras cousas porque non terían chegado a onde chegaron anunciando aos demais que van facer, ou respectándoos. (Outro asunto son aqueles vehículos de alta cilindrada que circulan cos catro intermitentes postos. Nese caso trátase da caravana dalgún político, que vén a todo meter, e convén apartarse). Pola contra están os que, a bordo polo xeral de turismos, accionan os pilotiños xusto despois de facer a manobra que teoricamente anuncian. Son xente que obedece as normas sen comprender que función teñen (as normas, eles depende).

con calquera tipo de coche, a maioría do persoal que vai amarrado a un volante considera que o pauciño que hai ao lado é como a varita de Harry Potter: dándolle ensánchase a calzada, é posible atravesarse no camiño doutro sen que teña dereito a mosquearse, e acouga aos municipais se hai necesidade imperiosa de estacionar no medio dunha rotonda: ter accionado o intermitente é un seguro como o de berrar "casa!" nos xogos infantís. Esa é a xente que considera que a democracia legaliza todas as condutas, que todos somos iguais, cumpramos as normas ou non. En definitiva, en canto lle damos un cuarto de volta a esa chave que levamos no chaveiro máis rechamante que temos, volvémonos de cristal.

Falando de cristal, ten o vaso baleiro. Fágame caso, pida outra (e despois un taxi ou que o leven).