A Lei que o Goberno do Estado nomea de Protección e uso sostible do litoral e de modificación da Lei de Costas 22/1988, RABECHA sen miramento algún esa Lei. Remata con ela, nacendo outra ben distinta que nada ten que ver cos obxectivos contemplados na Exposición de Motivos da Norma do 1988.

Resulta sorprendente o título da Lei aprobada (contribúe mais a desprotección do litoral ca protección -nome da Lei-) e non menos sorprendente é o trámite seguido no Congreso e no Senado, pois o partido do Goberno presenta 10 emendas no Congreso e 16 no Senado, pasando así das 24 modificacións previstas no Proxecto, cando menos a 46. Semellando así que o propio Goberno remitiu un proxecto improvisado ou que cedeu a certas presións para RABECHAR definitivamente a Lei de Costas do 1.988.

A única emenda fácil de prever era a da supresión que na Exposición de Motivos se facía do informe Auken. Efectivamente tal alusión suprímese por unha das emendas. Á vista dos obxectivos que persigue a modificación da Lei de Costas, causaba certo estupor a cita do informe Auken, que en distintos considerandos critica a excesiva urbanización de moitas zonas costeiras? que as illas e zonas costeiras mediterráneas de España sufrían unha destrución masivas na última décadas, xa que o cemento e o formigón saturaron esas rexións de tal forma que afectaron non só ó fráxil medio ambente costeiro? senón tamén a actividade social e cultural de moitas zonas? En fin, sorprendía a cita dese informe por canto tamén se facía eco da corrupción que facilitaba un desenrolo urbanístico non regulamentario.

Despois desa breve crítica xenérica da tan mal nomeada Lei de protección e uso sostible do litoral, detémonos un pouco na modificación que mais afecta ó Concello de Pontevedra e á Ría.

O artigo 66.2 da Lei 22/1988 estableceu a duración máxima das concesións en trinta anos, prazos que, segundos as disposicións transitorias da Norma principiaban a contar o 29-7-1988. Polo tanto no ano 2018 caducaban as concesións que estaban vixentes no momento da entrada en vigor da Lei amentada (o caso do asentamento de Lorizán). É por iso que de maneira especial en Pontevedra tiñamos/temos presente o 2018 para ver LIBRE a Ría de Pontevedra.

Antes de que a Lei cumprira os 25 anos, tivo que chegar un pontevedrés precisamente a Presidente do Goberno para modificar, (é de que maneira) aquela norma, nun aspecto que tanto afecta á Ría.

Coa Lei aprobada o prazo das concesións pasa de 30 anos a 75. Así mesmo o artigo segundo da Lei outórgalle ós concesionarios a posibilidade de solicitar a prórroga da concesión que se poderá outorgar por un prazo máximo dos 75 anos, sen que sexa preciso o informe favorable da Comunidade Autónoma (no proxecto era preciso e coa emenda do Partido do Goberno ese informe só terá o carácter de "determinante" -termo impreciso e baleiro-).

Sen dúbida este é o aspecto mais negativo da Lei e tamén o menos respectuoso co contemplado no artigo 132 da Constitución Española, pois se unha concesión demanial pode ter unha duración superior ós 135 anos, coa posibilidade de transmitila tanto inter vivos, como mortis causa durante a vixencia da concesión, transfórmase de seu nunha propiedade, deixa de ser unha concesión. Velaí pois, como o Goberno do Estado pretende converter -de seu, de facto- un ben de dominio público -a marisma de Lourizán- nun ben de propiedade privada.

*Abogado y activista anti Ence