Un premio e recoñecemento que hoxe entrega (no auditorio municipal ás 20.00 horas) o Concello de Nigrán, entidade máis próxima e representativa, ás Escolas Proval, ao Racing de Vilariño, á SCD Bolos da Carrasca, á zapatería La Rápida, á empresa Marine Instruments e ao centro CASTRO NAVÁS, do que é titular a Fundación Menela, pola súa contribución a esta comunidade.

Nigrán simboliza un lugar de: "Mar e montaña, prados e terras de labranza; a unha banda, horizontes inmensos; a outra; cristas que se interpoñen coma un pano e lle poñen límites á mirada; polo medio; cuíñas, outeiros e vales, bosque e malezas, arroios e, para rematar unha praia inacabable... Nigrán é máis que o seu mar e as súas praias. Incluso se pode dicir que o mar e as praias necesitan dos montes e os outeiros para seren contemplados en todo o seu esplendor". Así percibían o concello Torrente e Casares.

Álvarez Blázquez, recomendaba que de vez en vez, sen présa e co corazón lixeiro, tornar ás terras de Nigrán, subir de vagariño as súas cadeiras dese anfiteatro máxico, encararse co mar e coa serra, encher os pulmóns e falar abertamente e humanamente.

Rotas e sendeiros deste concello son un estímulo para o pracer de andar sorteando fragas, muíños, pazos, torres, igrexas, conventos e cruceiros que nos permiten deleitarnos cunhas vistas fermosas, percorrendo os gravados rupestres do barrio da Mámoa, os petróglifos de Camos ou os Mosaicos romanos de Panxón, como algunhas das marabillas do importantísimo patrimonio de Nigrán.

O Arco Xermánico, o Templo Votivo do Mar de Antonio Palacios, o Monumento ao Mariñeiro Universal de Gómez Roman en Monteferro e a ponte da Ramallosa, encrucillada do Val Miñor, son herdeiros desa convivencia das épocas castrexa e visigótica a carón da romanización.

As actividades musicais, deportivas, festas e gastronomía fan deste concello miñorán un territorio dos máis apaixoantes de Galicia.

*Director da Fundación Menela