É ben probable que no imaxinario de bastantes/moitos dos nosos concidadáns convivan aínda estas dúas imaxes respecto da historia de España, en xeral, e do tempo dos Austrias, en particular. Dunha parte, velaí a estampa dun Filipe II vestido sempre de negro, habitando as silenciosas estancias do Escorial e arrastrando unha existencia áspera, inflexible, fría, distante...; sempre metido en rezos e/ou conciliábulos cuxa finalidade consistía en guerrear con medio mundo, poñer a monarquía hispánica de xeonllos diante dos poderes da Igrexa e enviar á tortura, galeras e/ou á fogueirra a toda sorte de herexes, impíos ou simples disidentes. Vaia: o que se di todo un tipo austero. Frente del, mentre e doutro lado, eis esoutra litografía dos seus sucesores: individuos a desbaratalo todo, derrochóns, dispostos a malgastar arreo a prata e mais o ouro chegados desde as Indias. É dicir: ilustres creadores de débeda pública e privada.

A realidade dos feitos, porén, é un tanto diferente, cando menos en materia de economía. Cabélle a D. Filipe o triste privilexio de reinar no primeiro Estado que fixo unha suspensión de pagos -decreto de xuño de 1557, dado en Valladolid-. Canto aos "Austrias menores", digamos que se desgrazada é unha mala tributación, pésima resulta unha desaxeitada recaudación; pero moito peor que ambas as dúas semella aínda unha desfasada contabilidade. En fin, xa me dirán Vdes. con cal(es) figura histórica habemos de dialogar.

Agora mesmo -sen Austrias á vista-, tal parece que a desputa histórica se veña considerar entre, dun lado, Mrs. Carmen Reinhart e Mr. Kenneth S. Rogoff -Harvard dixit- e, doutro, o trío universitario de Massachusets formado por Thomas Herndon, Michael Ash e Robert Pollin. Coido ben que xa saben Vdes: austeridade e crecemento van/non van á canda?

Austeridade.... Nin os uns nin os outros semellan de necesidade para entendermos a mensaxe dun/dunha amo/ama de casa en horas familiares baixas: "Se non aportades máis cartos, guita, prata, parné... a partir de mañá, onde eu poñía carne con patacas, haberá patacas con patacas. - se a cousa non mellora, patacas. - se aínda así..." Nin que dicir ten, o procedemento comporta, de entrada, unha melloría nas análises: efectivamente, é doado que baixen as cifras de colesterol, triglicéridos, glucosa... que se perdan graxas e quilos e que a figura de todos semelle moito máis esvelta. Agora ben; tampouco lle cómpre a presenza dun experto en dietética para entender a curta distancia que se pode rexistrar, de persistirmos en tan drástica formulación, entre figurar cun "corpo danone" e dar cos ósos na anemia galopante. Xa que logo, espetámoslle ao noso/á nosa amo/ama de casa algo así como "pois pide que lle fíen como sexa, pero volve traer carne, polo amor de todos os santos! Débeda si, fame non!"

De certo que aquilo que practicaban os "filipes menores" españois -mala tributación, peor recaudación, pésima contabilidade-, unido aínda a esoutro recurso de devaluar e devaluar... conduce, si ou si, cara ao abismo. Non sei agora mesmo como se dirá isto en linguaxe de Harvard, pero estamos todos de acordo -penso- en que é inútil estirar máis a manga que o brazo na hora de pretender alcanzar as cereixas penduradas da cerdeira. Xa que logo, retornar aos vellos vicios, permitirmos unha nova epifanía de variados reximes impositivos e administrativos non pode concitar o aplauso. Traducido: mesmo unha saída planificada/pactada do euro non pode significar o abandono dunha contención razoada nos orzamentos públicos e, moito menos, presidir unha nova "barra libre" nesoutros gastos privados.

Agora ben; acontece que nin sequera Reinhart e Rogoff son quen de manter no fondo -e coido que nin na superficie- que as medidas de austeridade sen máis propician unha saída do túnel que estamos a habitar. Polo visto, os seus seguidores esquecen, ou queren que esquezamos, que ambos os economistas citados falan, segundo en qué circunstancia, da necesidade dunha reestruturación da débeda pública e privada. Traducido ao roman paladino: falan dunha suspensión de pagos parcial desa mesma débeda como único xeito de aportar a mínima liquidez necesaria á, igualmente necesaria, fianza que lle permita aos donos da tenda, supermercado onde vai -ía- comprar o noso/a nosa amo/ama de casa poder fiarlle a este/esta e, en consecuencia, que o mentado poida volver levar á súa casa a carne e mais as patacas. Patacas e carne, á súa vez, absolutamente necesarias para que os seus coman e, comendo, acudan ao traballo e traballando ingresen cartos, pelas, guita, parné... nas arcas públicas que, á súa vez, encherán aqueloutras privadas xeradoras do crédito.

Austeridade? Poida que si, pero austeridade que leve carne e patacas; non fame.