Dende un punto de vista científico, e eu non descubro nada senón que traslado conclusións publicadas de artigos diversos sobre a ecoloxía da especie (é dicir, sobre estudos de lobo, carnívoros salvaxes, relacións depredador presa, dinámica de poboacións e etoloxía ou comportamento do lobo, que non ecoloxismo, que é outra cousa), hai que desterrar certos apriorismos sobre o lobo asentados nunha tradición oral carente de fundamento metódico e embriaguez subxectiva que se repiten, e repiten, conformando o que xa semellan verdades incuestionables.

En primeiro lugar, débese ter en conta que o lobo nunca pode ser considerado individualmente, non se trata de individuos illados que funcionan autonomamente, sendo un erro capital non entender a especie como integrante dunha estrutura social perfecta e rigorosamente xerarquizada con lobos dominantes e outros subordinados, onde cada un ocupa un lugar e función claramente delimitada. Trátase dun animal social que coma grupo só ten un fin último, o de garantir a perpetuidade da especie protexendo o tesouro xenético dos únicos proxenitores que integran a manda e a súa prole. Cada grupo so conta cun macho e unha femia viables na reprodución. Aspecto este moi importante, tal e como acreditan estudos recentes sobre marcadores xenéticos que conclúen que para a subespecie de lobo ibérico, integrada segundo os censos por uns 1500-2000 exemplares, conta na realidade cunha poboación efectiva (concepto que resume a viabilidade xenética futura) duns 220 exemplares unicamente. Situación que os xenetistas consideran coma uns números drásticos e que comprometen moito o futuro da especie. É dicir, cada un dos nosos lobos son as últimas "naves" portadoras do adn que poden permitir a viabilidade da poboación lobeira. Extrapolando os datos, e aceptando o censo de 2003 para Pontevedra estaríamos a falar tan só dunha poboación efectiva reprodutora duns 30 a 35 adultos reprodutores, e o resto correspondería a exemplares subordinados (entre uns 70 a 100). Pero todos estes datos precisan de ser revisados con novos censos.

Coma grupo social tamén debe considerarse outro factor de extrema importancia, o rol dentro da manda e o imprescindible aprendizaxe polo que deben pasar as crianzas e subadultos. Un lobo debe aprender a ser lobo. Só dentro do grupo estes exemplares poden desenvolver todo o seu catálogo de comportamentos a través da transferencia dun metódico ensino por parte dos adultos. Estudos de lobos en catividade veñen a demostrar a importancia da estruturación do grupo cara o seu comportamento. Os coidados, o modo de relacionarse, os xogos, a súa interacción co territorio (circunscrita a un ámbito moi amplo ou reducido en función dos integrantes do grupo), pero sobre todo a aprendizaxe das técnicas de caza, que requiren de horas e horas de práctica e adquisición de experiencia, resultan fundamentais no comportamento da manda.

En segundo lugar, só atendendo e entendendo o anteriormente exposto, cabe entón preguntarse que sentido ten, de ser rigorosos co coñecemento científico sobre a ecoloxía da especie, o afrontar medidas de caza ao azar, como únicamente se está a facer, que resultan claramente contraproducentes na redución de danos (rómpese a aprendizaxe e os lobos novos non saber cazar, por exemplo, presas salvases, ou atacar erráticamente ao gando), e que ademais comprometen o futuro da especie (reducción do banco xenético).

Non se pode falar de que a poboación de lobos vai en aumento (os estudos xenéticos falan dunha redución da variabilidade xenética do lobo ibérico, o que se traduce entón en menos lobos en toda a súa zona de reparto) en base a esporádicas ou repetidas observacións, ou a recorrencia de danos, aspectos estes que para nada son sintomáticos dun incremento poboacional, e que tan só amosan a presenza da especie (cunha ampla mobilidade territorial), pero non ofrecen información valiosa para determinar o seu número, composición e estrutura do grupo, nin o lugar que ocupa dentro do mesmo. Só se pode dicir, dende o rigor, que a única información que se pode contrastar son os censos oficiais, e o último para Galiza, que sitúa á poboación nuns 400 a 600 exemplares, repartidos en 60-68 mandas, das que 15 estarían en Pontevedra, refírense a censos efectuados entre o 2001 e o 2003. Demasiado tempo sen radiografar a situación, co cal a administración está cega de cara afrontar unha xestión responsable. A Comisión Europea obrigou a que os Estados Membros deberían de ter actualizadas o censo dos lobos en Europa neste ano 2013, máis o estudo na Galiza e no Estado non se ten comezado.

Tampouco resulta apropiado confiar a sorte do lobo a medidas de eliminación, agardas con rifle ou batidas, métodos pouco selectivos que retira exemplares do medio, pero cales? Os que resultan reprodutores, os renovadores da xenética para evitar a endogamia, os aprendices ou os instrutores. Dende un punto de vista da viabilidade xenética, e para unha especie con poboacións cada vez máis illadas e con ameaza de endogamia (e polo tanto moi condicionada a súa existencia) este sistema supón unha auténtica barbaridade, moito máis preocupante que as posibles consideracións morais do que supón matar un lobo. Dende a análise do comportamento e estrutura social da manda, a retirada de exemplares clave (cun rango superior dentro do grupo) pode ter efectos moi contraproducentes, disparando un comportamento totalmente imprevisible dentro de aqueles exemplares do grupo falto de referentes de aprendizaxe, cunha clara e demostrada repercusión na relación dos eventos de depredación, carrexando un incremento de ataques e danos ao gando de modo máis errático e repetitivo.

Outro dos aspectos a valorar recae no que a prior pode semellar unha vantaxe coma serían a disposición de muladares, que se ben poden funcionar para algunhas especies noutras poden non resultar tan efectivos. A súa eficacia está moi cuestionada coma solución, xa que o acceso ás preas (procedente do gando morto; recordar que é un animal cazador que só emprega as preas coma complemento) acaba conseguindo novamente un efecto contrario, aumentar a querenza do lobo polo gando vivo (por asociación co seu instinto coma depredador), así como propiciar factores de distorsión poboacional que poden incrementar neses territorios a poboación, coa consecuente dispersión e desprazamento a novos territorios da proxenie. Sen existir un bo soporte de coñecemento científico, que non é o caso para as poboacións galegas, este tipo de xestión ten máis de lotaría e imprivisibilidade que outra cousa.

*Biólogo lalinense.