Mañá, 23 de abril, celébrase en máis dun cento de países o "Día do libro e dos dereitos de autor", unha efeméride creada pola Unesco en 1995 coa intención de homenaxear o libro "animando a todo o mundo, sobre todo ás persoas máis novas, a descubrir o pracer da lectura e a respectar a insubstituíble achega dos autores ao progreso social e cultural". Promovida internacionalmente polo sector editorial español, que xa a viña celebrando dende 1930, coincidindo coa data do falecemento en 1616 de Cervantes, Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega (unha chiscadela da historia) e coa festa cívica catalá do Sant Jordi, o 23 de abril é a grande festa do libro, das librarías e bibliotecas, do fomento da lectura, da tradución e do respecto á propiedade intelectual. Unha celebración que nesta edición centrarase na promoción da frase "Ler para vivir" (#lerparavivir) nas redes sociais e nos actos organizados en Bangkok, cidade tailandesa declarada capital mundial do libro 2013.

Para a Unesco, é innegable o poder de convocatoria que ten o libro en todo o mundo "para transmitir a cultura dos pobos e os soños dun futuro mellor". Baixo as súa diversidade de fasquías e formatos ao longo da historia, o libro é unha das creacións máis egrexas que fixo a humanidade, a soá que cada cultura modula en cadansúa lingua. O libro é unha creación xenial da humanidade concibida para xerar a lectura, unha actividade cognitiva individual, enmarcada nun contexto social, que Alberto Manguel considera nos define como especie, capaz de transformar a cada unha das persoas e capaz de axudar a mudar o mundo ofrecéndolle coherencia e sentido. Razóns polas que o acceso de toda a cidadanía en igualdade de condicións á riqueza dos libros, expresada na súa diversidade lingüística e cultural, constitúe un obxectivo para a comunidade internacional e unha responsabilidade irrenunciable dos poderes públicos de cada un dos estados. Esa bibliodiversidade é un patrimonio común de toda a humanidade a preservar que, como sinala o manifesto da Unesco, "fai do libro moito máis ca un obxecto puramente material, a máis fermosa invención do ser humano para o intercambio de ideas máis alá das fronteiras do espazo e do tempo".

Esta efeméride non pode ser allea ás profundas transformacións que está vivindo o libro. Un tránsito entre o paradigma da edición impresa, fixado hai apenas cinco séculos pola imprenta gutemberiana, cara ao paradigma da edición dixital, desenvolvido polas utilidades hipertextuais e a disrupción que supuxo internet para facilitar o acceso á información e ao coñecemento. Un tránsito que provoca a coexistencia do libro nos formatos impresos e dixitais (libros impresos e libros dixitais) nunha hibridación enriquecedora e moi estimulante para o lectorado e para os profesionais da edición. Mais tamén, un proceso de mudanza non exento de problemas, sobre todo os que atinxen aos perigos da uniformización cultural que pode supoñer o control da distribución dos contidos dixitais en mans dunhas poucas empresas (estadounidenses) e as dificultades para crear unha nova cadea de valor sostible para a edición dixital compatible cos dereitos de autores e editores.

Neste 23 de abril, instalados ademais en plena crise deflaccionaria, con efectos moi virulentos sobre a redución das vendas do sector do libro, non podemos esquecer que a industria editorial achega un valor importante na xeración de emprego, na produtividade e na innovación. En termos económicos, con 23.000 millóns de euros de facturación, o sector do libro constitúe hoxe a primeira industria cultural en Europa, por diante da música, do cine e das artes escéncias. Outrosí sucede en España, onde a industria e o comercio do libro, ademais da súa indubidable contribución ao pluralismo cultural e lingüístico, é tamén a primeira industria cultural (2.772 millóns de euros de facturación), mais tamén a que menos achegas públicas recibe.

Con motivo deste día do libro, os editores galegos fixemos un chamamento á cidadanía e aos poderes públicos a prol dunha política estratéxica para o libro e a lectura en Galicia. A posta en marcha dun plan de apoio á rede de librarías, a creación do bono cultura como instrumento de incentivación do consumo cultural, a ampliación e mellora da rede bibliotecaria pública, o apoio á rede de bibliotecas escolares, a creación dunha oficina para a promoción da literatura e do libro galego no mundo, a realización dun plan de fomento de lectura son algunha das medidas que os editores galegos reclamamos aos poderes públicos para facer efectivo o recoñecemento do sector profesional do libro como estratéxico e prioritario para Galicia, xa recollido na Lei do Libro e a Lectura de Galicia, aprobada por unanimidade do Parlamento Galego en 2006. Feliz día do libro!

bretemas@gmail.com