Que Xosé Luís Méndez Ferrín abandone a Presidencia da Real Academia Galega xusto no ano en que a institución celebra a memoria, a figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño é unha triste ironía. Non só pola dimisión como Presidente de quen é un escritor e un intelectual de talla magnífica, senón por todo o proceso que conduciu a ela. A Academia queda espida sen Ferrín, con quen Roberto Vidal Bolaño mantivo a través dos anos unha amizade sostida na lealdade mutua e atestada de compromisos compartidos. Principalmente coa lingua e coa cultura de Galicia, xustamente os tesouros que a Academia ten a obriga de gardar, protexer e defender ata o derradeiro alento. Nós sabemos que ninguén mellor ca Ferrín para tan vital cometido.

É particularmente doloroso que este episodio académico se produza, ademais, no ano en que a RAG lle dedica a Roberto Vidal Bolaño o Día das Letras Galegas. Sabemos que a institución responderá ás necesidades e ás esixencias desta celebración, si, pero tamén somos moi conscientes de que nada será igual sen Méndez Ferrín, o autor do Percival de Vidal Bolaño, un home sen o que é imposible comprender a nosa cultura durante o último medio século. A cultura galega non debería soportar nin permitir a ausencia de Ferrín da Academia. Por xustiza, por coraxe, por lealdade.

Nós nada podemos facer. O tempo non ten volta atrás. A dignidade de Ferrín tampouco. Quédanos o pesar polo acontecido, quédanos a solidariedade e un profundo agradecemento a Ferrín pola súa entrega e por facer da Academia un espazo común, pola súa xestión intensa e xenerosa ata nos detalles máis humildes. - tamén pola súa dedicación amigable ao noso común e querido Roberto Vidal Bolaño. Ao seu amigo.

A nós doénos pensar que todo este ano de celebración de Roberto non vai estar presidido por Méndez Ferrín. Eran moitas as razóns culturais e humanas que nos ilusionaban ao imaxinarmos a unidade de ambas as figuras durante este ano. Ninguén mellor ca Ferrín para rearmar un referente literario en que a figura do dramaturgo sobresaia coa dimensión que a súa obra esixe. Non poderá ser como pensamos, e non será precisamente por culpa de Ferrín. Por iso temos a convicción de que nos vai acompañar en todas as celebracións que este ano recibirá a figura do seu amigo Roberto, contribuíndo a colocar a súa obra no lugar que merece, avivando a súa memoria.

Nós, hoxe, apenas uns días despois de vermos a imaxe dolorosa de Ferrín abandonando a sede da Academia, queremos proclamar abertamente o noso aprecio, a nosa admiración, o noso apoio e toda a nosa solidariedade con este vello amigo e compañeiro de Roberto Vidal Bolaño.

* Presidenta da Asociación Roberto Vidal Bolaño e viúva do escritor e actor teatral