Segundo novas que me din, no vindeiro partido CD Lalín-CD Mondariz vaise gardar no estadio M.A. Cortizo un dos minutos de silencio máis merecidos que se recordan nun campo de fútbol. - aínda que xa o domingo pasado en moitos campos galegos houbo este recordo non podía faltar este detalle no campo que leva xa desde hai moitos anos o seu nome. Aproveito para darlle as grazas ao CD Carballiño por ser tan cabaleiroso o domingo que xoga precisamente contra o CD Lalín por terlle un recordó ao noso presidente, que, segundo me contaron os que estiveron alí, parecía coma se fora o presidente do Carballiño polo respecto que demostraron en todas as facetas. Moitas grazas por todo en nome de toda a boa xente do fútbol, que é moita.

Desde o día do seu óbito estivéronme dicindo que tiña que escribir algo, pero eu nin tiña ganas nin sabía que dicir, nin sequera como titular o artigo. Puxen "Presidente de Champions", e non me arrepinto nada, pois aseguro a calquera que hai presidentes en Primeira División e na Champions que quen lles dera ter a categoría deste home. É moi fácil ser presidente dun gran clube que ten grandes problemas pero tamén ten grandes axudas, o difícil é ser dun equipo pequeno, sacalo de cero e levalo por toda España moitas veces véndose un so e sen saber tan sequera como se vai a viaxar e se se dará chegado ao mes seguinte, ou simplemente se haberá para pagarlle ao árbitro.

No lugar de Vilar de Río celebramos todos os 25 de decembro a Santa Lucía, nunha capela que existe no lugar. Por alí nos caemos todos os anos moita xente durante a mañá para escoitar algunha misa e comprar os churros. Entre eses visitantes un era M. A. Cortizo, todos os anos. Quen isto escribe pídelle humildemente a Santa Lucía, patroa da vista, que lla conserve para que, xunto con Lucho Nistal, Modesto Cao, José Manuel, Benito de Donramiro, Pepe Cuiña (que o axudou moito), Álvaro Méndez, Manolo do Empalme e outros moitos (que seguro que se me olvidan), pídolle a todos que fagan o que poidan e axuden no que poidan a Manuel Ángel para que empece a facer o CD Lalín Celestial aló arriba. Para que cando cheguemos os que quedamos abaixo xa teñamos as nosas cores paseando polo ceo.

Nada máis, o máis sincero pésame á súa dona, aos seus fillos, á súa familia en xeral e aos seus miles de amigos, en especial a Moncho e Cachito, que tanto o acompañaron por eses campos. Isto, sen máis, de quen foi o seu amigo, veciño, directivo e aprendiz ao seu lado.

*Socio nº 26 do CD Lalín