Con respecto ás últimas informacións publicadas na prensa relativas á praia fluvial, a xunta directiva da Asociación de Veciños de Vilatuxe, logo de reunirse o pasado 19 de marzo, quere dar a coñecer a información da que se dispón neste intre.

A praia fluvial chamada Pozo de Boi conta na súa marxe esquerda cunha carballeira propiedade municipal cunha superficie aproximada de 5.170 metros cadrados e na marxe dereita hai un prado tamén de propiedade municipal, cunha superficie de 2.100 m2 ; na actualidade, ambas as dúas zonas están sendo obxecto de melloras por parte do Concello. Na fase actual na que se atopa a concentración parcelaria de Vilatuxe, están previstas nesta zona do río catro masas comúns. Na marxe esquerda, na zona onde actualmente están as pistas de area, a masa común prevista é de 11.355 m2, mentres que na outra marxe, están previstas tres masas comúns: unha en fronte das pistas de área cunha superficie de 4.177 m2, outra ao lado do prado acondicionado como zona de baño de 1.017 m2 e unha terceira río arriba de 9.098 m2. Clarexar que en calquera proceso de concentración parcelaria, do total da superficie a concentrar se detrae una porcentaxe destinada a construír viais e masas comúns. Unha vez finalizado o proceso de concentración, as masas comúns pasarían ao Fondo de Terras da Xunta de Galicia, podendo esta ceder a súa xestión ao Concello ou os veciños, opción esta última que a asociación considera a máis razoable tendo en conta que a propiedade xa era dos veciños de Vilatuxe.

No relativo ás pistas de area existentes na marxe esquerda do río, foi cedido no seu momento o uso destes terreos polos seus propietarios, mantendo estes a titularidade, polo que actualmente estes terreos entran en concentración como calquera outros.

Esta é a información da que a asociación dispón neste momento. Se alguén posúe outra información ou datos relativos a este tema, agradecemos nolo fagan chegar. Así mesmo, calquera consulta sobre este tema ou sobre calquera outro de interese dos veciños, non dubiden en poñerse en contacto coa xunta directiva.

Como se recolle nos nosos estatutos, son fins da asociación estudar, propoñer e levar a cabo actuacións en defensa dos intereses xerais dos socios e veciños. A tales efectos, no exterior do local social está instalado un buzón para que os veciños poidan deixar os seus avisos e suxestións á xunta directiva; no exterior do auditorio de Vilatuxe tamén existe un taboleiro de anuncios no que se publican copias dos escritos que a asociación dirixe ás administracións e organismos públicos coas peticións que se fan a favor da veciñanza, así como avisos e informacións varias.

* Presidente da Asociación de Veciños de Vilatuxe.