Fai poucos días, nun inxenioso artigo Juan J. Millás lamentaba ironicamente que non exista unha oficina onde apostatar do xénero humano. Non atopo mellor modo de explicar como me sinto despois de ler as declaracións de Ángel Pelluz, o avogado dos dous neonazis xulgados estes días por presuntamente apalear a un indixente cando durmía nun fotomatón en agosto do 2009. O avogado afirma sin reparo que "a ocupación do terreno público por quen non se procura unha existencia digna é causa do rechazo noutras persoas que cumpren as leis".

Por se isto non fose suficiente, Ángel Pelluz adornou o seu alegato asegurando que os vagabundos "non son persoas humanas", engadindo que son "cancros da sociedade que deberían ser extirpados" e que "a merda sempre se recolleu". Declaracións como esta son mostra dos estragos que a intolerancia pode chegar a provocar no ser humano. Ata o de agora sabemos que o Colexio de Avogados actuará de oficio contra o letrado. Independentemente do resultado desta actuación, resulta sorprendente que este elemento non sexa expulsado inmediatamente do Colexio de Avogados así como inhabilitado de por vida para o exercicio da profesión. Resulta moi desagradable, máis aínda se temos en conta que o número de persoas indixentes está a aumentar como consecuencia da crise económica na que estamos atrapados, comprobar que os argumentos enfermizos dunha personalidade intolerante teñen cabida en contextos tan relevantes coma un procedemento xudicial. Por iso considero imprescindible que persoas coma o susodito sexan apartadas da escena pública co obxectivo de alomenos silenciar a súa maldade, posto que a súa curación presúmese moi complicada.

Pero, aínda que a declaración deste innomeable non é merecedora de maior atención pola natureza vulgar da súa mensaxe, si me fixo reflexionar acerca do ofensivas que poden chegar a resultar as palabras. Así, do mesmo xeito que existen magos da palabra que son capaces de cautivarnos ó empregar a linguaxe con verdadeira mestría, existen persoas que son verdadeiras expertas no uso perverso da lingua co fin de agraviar ou ferir a outras persoas ou colectivos que non son do seu agrado. O perigoso da cuestión reside en que en moitas ocasións, estas persoas con tendencia a malempregar a linguaxe contan con cargos de relevancia pública que fan que as súas mensaxes teñan maior impacto na sociedade. Curiosamente, nos últimos tempos está a estenderse entre a clase política do noso país a moda das declaracións velenosas, algo difícil de entender cando procede de persoas ás que se lles presupón un certo crédito pola súa labor pública. Como mostra, fai unhas semanas o ministro Fernández Díaz sorprendíanos a todos cunhas declaracións cun marcado carácter homófobo que resultan totalmente inaceptables e que incluso foron criticadas por compañeiros de partido. Para non quedarse atrás na disputa polo título ao deslinguado do ano, Toni Cantó atrevíase a afirmar recentemente que a mayoría das denuncias por violencia de xénero no noso país son falsas. Alomenos este último tivo a vergoña de rectificar.

Unha vez máis o noso país é diferente, xa que o que noutros países suporía a inmediata dimisión do responsable de tan desafortunada declaración, en España sorprendentemente apenas ten consecuencias. Se os políticos españois se afanaran na solución da problemática do noso país co mesmo afán co que se aferran ó seu cargo a nosa situación actual sería bastante menos grave.

Está claro que agardar a dimisión dun responsable político do noso país é pecar de utópico. Entenderán algún día os nosos representantes políticos que en moitas ocasións a rectificación non é suficiente e que o realmente sabio e digno e marcharse? No momento actual parece difícil. Por iso propoño que suprimamos, alomenos temporalmente, o dito de "somos escravos das nosas palabras", posto que polo dagora do que realmente somos escravos no noso país é da nosa pasividade.

*Veciño de Lalín.