Ante as críticas realizadas polo PSOE de Lalín, en relación ao Cocido en Bruxelas quero aclarar diversos aspectos. En primeiro lugar, a presentación da Feira do Cocido en Bruxelas non lle custou ao Concello de Lalín nin un só euro; foi sufragada cun proxecto europeo (Depodeza) que, entre outros obxectivos, ten entre un deles o de traballar pola internacionalización da Feira. - para conseguir este recoñecemento internacional hai que ter desenvoltos varios eventos internacionais. Na actualidade temos xa media ducia pero, sen dúbida, un dos que vai pesar máis, seguro que é o de Bruxelas, onde finalmente tomarán a decisión de outorgar esta distinción á Feira.

Na capital de Europa fíxose á parte da presentación da Feira, unha presentación de Lalín, a todos os niveis -das súas potencialidades tanto turísticas, gastronómicas, culturais, empresariais, etc. - para que as personalidades asistentes saiban que en Lalín a parte de comer un bo Cocido, se poden facer e mercar moitas cousas. Poder falar de Lalín e da Feira do Cocido diante dunhas personalidades tan importantes a nivel europeo, non é obxectivo doado. Ademais, conseguir o elenco de persoeiros que tivemos, máxime sen custe ningún para ao Concello, leva aparellado un importante e innegable esforzo de xestión.

Na presentación de Bruxelas estaban eurodeputados de dez nacionalidades diferentes: os galegos Francisco Millán Mon, Carmen Fraga e Antolín Sánchez Presedo; os tamén membros da Cámara, Carlos Iturgaiz, Salvador Garriga, Pablo Zalba, Rosa Estarás, e Santiago Fisas, e os europarlamentarios Phillipe Bouland (Francia), José Manuel Fernández (Portugal), Rafal Trzaskowski (Polonia), Angelika Wethmann (Austria), Alain Caden (Francia), Tunne Kelam (Estonia), Sean Kelly (Irlanda), Miroslav Mikolaski (Eslovaquia) e Crisrtian Preda (Rumanía). Ademais, tivemos a honra de que nos acompañase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo Aller, que nos facilitou as instalacións da Fundación Galicia Europa para levar adiante a presentación; o embaixador de España en Bélxica, Ignacio Matellanes e o embaixador ante a Unión Europea, Alfonso Dastis, así como tamén o director xeral de Pesca da Unión Europea, Ernesto Pena e o director xeral de Agricultura, José Manuel Silva e o conselleiro de Educación da Embaixada, José Luis Mira. É de destacar e agradecer a Antolín Sánchez Presedo, eurodeputado do PSOE, o se ter achegado á presentación, para apoiar á internacionalización da Feira do Cocido, mais cando deixou outro acto a medias para estar connosco.

A estancia en Bruxelas tamén serviu para manter un encontro de traballo coas altas dirixentes en materia de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo no que se analizou a situación do sector lácteo galego e a necesidade de que se articulen medidas para que os produtores podan vender o leite a un prezo digno, así como tamén para lle expoñer proxectos produtivos para o noso rural como o proxecto piloto "Soutos", "o porco lalaíno" ou "A Hortiña da Praza" que espertaron o interese das mandatarias da Comisión de Agricultura. Aquí téñolle que agradecer a Francisco Millán Mon que se brindase a xestionarnos esta importante reunión. Mostra da importancia que ten Bruxelas e da súa "dimensión europea" é que coincidimos no Parlamento co presidente e o co vicepresidente da ONCE que presentaban tamén na mesma data un proxecto de integración para persoas con discapacidade da Organización que dirixen.

Concluíndo xa, debe quedar claro que fixemos o Cocido en Bruxelas co único obxectivo de avanzar cara á internacionalización da Feira. - que non lle custou nada ao Concello de Lalín esta presentación que se enmarca dentro do proxecto europeo Depodeza. Polo tanto, se a Unión Europea subvenciona este tipo de actos e os aproba é porque valora a súa importancia e considera que pagan a pena.

Xa por último, xogar deliberadamente a contrapoñer demagoxicamente o Cocido -como fai o PSOE de Lalín- con que se bota xente, non é serio; o único que se está a facer é un reaxuste de determinados servizos que se prestaban en base a unha subvención e que agora non a teñen.

Sen dúbida, os socialistas lalinenses teñen moito de que aprender dos seus compañeiros políticos en Bruxelas.

*Alcalde de Lalín