Hai uns días, nunha rúa de Vigo, e ao pasar a carón dun grupiño de persoas que estaban a conversar sobre política, puiden oír como un dos improvisados tertulianos lles dicía aos outros: "Parece mentira que despois de darlles o voto agora nos fagan isto. Non hai dereito". Deducín que se refería ao partido nos gobernos en Madrid e Santiago, e ás políticas antisociais que está a levar a cabo e que son causantes dun crecente malestar entre a poboación.

As motivacións da xente para votar a un partido ou outro poden ser do máis variadas: amiguismo, clientelismo, nepotismo, lazos familiares, afinidade ideolóxica, etc. Todas elas respectables, aínda que non por iso admisibles, e máis cando están en xogo conquistas sociais que son o cerne do mirrado estado de benestar que gozamos. Non obstante, esas motivacións implican un grao de responsabilidade individual que non é transferible aos demais.

A aqueles que votan a un partido sen meditalo seriamente, e logo se senten vítimas desa elección, coma acontece no momento actual, cabería preguntarlles qué outra cousa esperaban. Acaso agardaban unha política ao servizo do cidadán por parte dunhas siglas que están a favor de privatizar todo servizo público canto hai. Ou é que consideraban que esa formación ía plasmar no seu programa electoral os seus propósitos ocultos. Se así o fixera non estaría gobernando hoxe en día.

Pero nestes intres calquera reflexión sobre o acontecido non leva a ningures. A responsabilidade da situación actual é compartida, porque tanta culpa teñen aqueles que gobernan coma os que lle deron o seu voto obedecendo moitas veces a un medo implantado no tecido social. Medo a que poidan chegar a mandar eses que, según algunhas mentes carpetovetónicas, queren rachar España, ou esoutros que lle poden quitar a paga aos vellos, ou aqueloutros que nos deixarán sin choio no concello, ou vaia vostede a saber...

Antes de dar un voto é necesario estar ben informado. Cremos que vivimos nunha democracia porque nos permiten depositar unha papeleta nunha urna cada catro anos. Pero a liberdade entraña algo máis: coñecemento, formación e información. Non somos libres porque poidamos elixir entre dúas opcións que na realidade defenden o mesmo, nun bipartidismo ao máis puro estilo británico, senón cando o noso voto é resultado dunha meditación e da certeza de que escollemos aos máis honestos e preparados para que nos representen. Votar alegremente a A ou B pode significar moito se con ese voto hipotecamos o noso futuro por catro anos.

Damos por sentado, sen máis, que aqueles que eliximos están preparados e capacitados para velar polo noso futuro, e así nos vai. As eleccións son una carta branca para que o partido gañador faga durante unha lexislatura o que lle pete obviando o mandato popular. Faise necesario polo tanto que os cidadáns recuperen o poder sobre as súas vidas. E, para comezar, cómpre que o voto sexa meditado e que obedeza a unha análise dos programas electorais punto por punto e, sobre todo, das intencións e dos intereses ocultos que, aínda que non figuren sobre o papel son, en definitiva, os seus verdadeiros intereses.