ÚLTIMA HORA
Ricardo Costa confirma que el PP valenciano "se financiaba con dinero negro"
TRIBUNA LIBRE

Os políticos non son todos iguais

Ana Doval Fraíz*

20.03.2013 | 09:35

O luns 18 de marzo os/as socialistas de Deza e Tabeirós-Montes recibíamos unha noticia triste. Un dos nosos, Javier Castelo, anunciaba oficialmente que ten que deixar o seu cargo por motivos laborais e por unha situación de incompatibilidade. - digo un dos nosos non porque sexa socialista, que tamén, senón porque Javier Castelo é, como a gran maioría dos concelleiros/as desta comarca, un concelleiro que, como el mesmo dixo, non se fixo rico coa política. Javier Castelo é exemplo de dedicación e honestidade, algo a poñer en valor sempre.

Os compañeiros e compañeiras do PSdeG-PSOE lamentamos que teña que deixar a acta de concelleiro en Vila de Cruces, pois o seu traballo de férreo control ao goberno local é un exemplo para todos, aínda que sabemos que seguiremos contando con el como militante, un militante comprometido e reivindicativo da política local. - recoñecemos que non só no PSdeG-PSOE, senón na política en xeral, é moi necesaria a xente como Javier para rematar dunha vez con ese triste tópico de que os políticos somos todos iguais.

Aínda que como representantes políticos temos que asumir a crítica social, moitas veces merecida, non deixa de ser inxusto que o 80% dos concelleiros e concelleiras galegas que non recibimos ningunha retribución pola nosa labor sexamos a excusa dun goberno que pretende convencernos de que recortando políticos, recursos e competencias aos concellos pequenos sairemos da crise, e, o máis grave, quere facelo obrigándonos a depender da Deputación de Pontevedra, unha institución cunha dédeda superior ao conxunto dos pequenos concellos da provincia xuntos.

Aqueles que estamos en pequenos concellos en labores de goberno ou de oposición, que non recibimos retribucións pola nosa dedicación e que realizamos a nosa labor con honestidade non somos iguais que aqueles outros aos que unha cidadanía cada vez máis indignada coa política e cos políticos aplica o tópico "sodes todos iguais". Javier Castelo é exemplo de que os/as concelleiros/as do rural, eses que tanto estorban ao goberno central, están en política por compromiso, non por interese. Amosou, en definitiva, que a política non é un fin en si mesmo.

O rural ten un enorme potencial para sair da crise dunha forma ordeada e sostible, a política local é máis necesaria que nunca nun momento no que as necesidades dos nosos veciños e veciñas requiren respostas inmediatas por afectar a servizos básicos como a vivenda, os alimentos, a sanidade ou a educación. - desde o PSdeG-PSOE sempre estaremos aí para reivindicalo, por suposto con Javier Castelo ao lado.

*Secretaria de Medio Rural do PSdeG-PSOE e Portavoz Municipal en Forcarei

Enlaces recomendados: Premios Cine