O alumnado que cursa o ensino público na Baixa Limia, dende hai anos, ten como gorentosa chegada ao bacharelato a inminente lectura dunha obra senlleira da literatura galega, o libro de relatos Arraianos. O contacto con este poderoso universo telúrico supón para os máis enxergar sen complexos un amplo horizonte, ao que eran alleos, dende a máis alta pena do castelo das poulas.

Esta é unha acaída portela do home que, virado de costas a unha historia de imposicións e represalias, se quere adentrar nun mundo tan propio coma descoñecido. A partir de aquí, botando man de boas aguilladas, pódese comprometer polas carrilleiras dun contrabando de voces mestizas que decote se empregaron ao longo dos tempos para riscar a pé e con esforzo as cicatrices dun cordón umbilical secado polo mal fado secular.

"O Vello que Sabe/cantou e no lonxe as Illas arderon/as labaradas/entraron na voz do Vello axeonllada/que pasa na cántiga dos países da morte/aos de méses loiras gado submiso e femias paridoiras". Escrito na pedra está o testemuño dunha Estirpe na que, de vez, sermos donos da voz e do destino do suxeito colectivo do noso pobo. A trabe de ouro que descubrir é a dunha patria farturenta que ten os seus mellores froitos aínda por ofrecer.

Creación e recreación nos inmensos marcos das palabras dunha vella tribo, á realidade irrenunciábel dunha Galiza soberana oponse unha torpe e intereseira práctica de dominación dunha xente serva que recúa e camiña a fasta cu en contra da propia identidade. Coma un manso boi de palla que gurra e gurra e, por mor do aguillón aceirado, unha e outra vez, segue a dar paso atrás.

Que a Academia Galega denuncie, ata as últimas consecuencias -o recurso interposto perante o Tribunal Supremo-, o texto decretado polo goberno -nin autónomo nin autonómico- contra a boa saúde do galego, o decreto para o plurilingüismo tan cacarexado dende os altofalantes do poder, é indicio de fume. De que nalgures, lonxe de calquera submisión, brilla a luz do saber de quen está comprometido e identificado, indubidabelmente, coa lingua propia, coa propia lingua.

Moito ten que ver nisto o labor do seu presidente. Dende a asunción do seu cargo, unha forte vaga do ar puro destas serras entrou con forza na vella casa da centenaria institución. Coma o guillote que trae o corisco puro do alampear da neve dende A Fonte Fría deica á Pena de Anamán.

Así, entre outros méritos, cómpre subliñar o ingreso nela de significados membros dunha cultura real e viva; a celebración das Letras na obra de expoñentes da creatividade galega aberta á contemporaneidade e cuestionadora do propio presente -do que é mostra a escolla do dramaturgo homenaxeado este mesmo ano-; ou a posta en escena do noso rico patrimonio literario valéndose da axuda das tecnoloxías da comunicación.

Por iso é moi importante que a sociedade galega moderna se proxecte ao mundo sen complexos. - neste sentido resulta moi valioso que o voceiro dunha cultura viva e dinámica, que se alicerza nun rico legado de entregas, sexa quen de proxectar con forza unha imaxe dela exenta de vasalaxe nin de falsos estereotipos de importación.

A isto aínda se lle pode engadir outro feito substantivo. Á meritoría valía, avalada co labor ata agora desenvolvido -dentro do que hai que incluír o esforzado traballo do seu equipo colaborador-, engádeselle que quen ocupa a máxima representación desta institución é o candidato da AELG ao primeiro Premio Nóbel de Literatura para a nosa lingua.

Na transitada senda do autor d´ "Os camiños da vida" -serie xornalística publicada durante anos neste mesmo xornal- os lugares agachados da toponimia propia afondan as súas raíces vedraias na máis fecunda torgueira da Terra de Celanova. Quen quixer descubrir a faciana máis profunda da realidade, espido de complexos, libre de prexuízos, ten que se adentrar, entón, na beira oculta da realidade, a través dunha natureza enxebre e radical. Porque a sabedoría está nos ollos de quen lle dá voz clara á mesta neboeira do silencio de Lobosandaus ou ás fondas historias mergulladas no esquezo de Buscalque.

De aí que sexa imprescindíbel a proxección como imaxe do mellor de nós mesmos. A Galiza emerxente, que se afana por renacer -representada moi ben polo alumnado dos centros de ensino que se abre ao coñecemento universal-, demanda que, no eido que nos ocupa, os cartos públicos que xestiona a Administración se destinen a traballar pola normalización do noso idioma e non para promover o seu exterminio. E, en consonancia con isto, para suprimir alfándegas e portaxes co territorio limítrofe da nosa cultura irmá.

É moi de agadecer, entón, que persoas significadas, como representa o propio Méndez Ferrín á fronte da Academia -sen o 'R' de realeza-, reclamen, con folgo, a esixíbel vitalización da nosa lingua. En función de aplicar medidas efectivas, tal como é a demanda extensiva dos nosos colectivos sociais, que teñan como único fin que o idioma galego sexa unha valiosa chave de ouro dende a que nos comunicar no mundo global.