Hai momentos na vida que sirven para a reflexión, para tomar conciencia do que somos individualmente e que sociedade construímos, como nos comportamos na vida, que facemos polos demais... Vivimos nun mundo no que persisten, por desgraza, males como a ambición desmedida, o egoísmo, a soberbia, a arrogancia, a vanidade ou a codicia. Estes males semellan innatos ao ser humano, pero de cando en vez hai persoas que che fan creer que podemos cambiar. Que podemos conseguir un mundo mellor, máis xusto, máis igualitario e máis solidario, simplemente cun cambio de actitude persoal nas nosas vidas.

O pasado venres faleceu un amigo a consecuencia dunha enfermidade cruel, que sen compaixón nen comprensión privouno de seguir vivindo, en plenitude, coa súa familia. Unha presencia e plenitude coa que todos nos enriquecíamos e sentíamos orgullosos. Faleceu Pablo Herbello. Un mozo que vivíu consonte os valores e ideais que como deportista aprendeu. Unha persoa amable, sinxela, honesta, humilde, solidaria, comprometida...e unha interminable lista de adxetivos. Bueu está de loito.

Nos últimos anos tiven o pracer de traballar con Pablo para conseguir transformar o deporte de Bueu. El, xunto con Manolo Otero (ilustre concelleiro de deportes), son os verdadeiros artífices do actual modelo deportivo do Concello de Bueu, inspirado nos valores que aporta á saúde das persoas, conseguindo que semanalmente máis de 700 persoas de todas as idades practiquen algunha actividade física.

Como Alcalde de Bueu teño que manifestar publicamente que me sinto moi orgulloso de Pablo, da súa actitude respectuosa cara os demais sempre e en calquera circunstancia, cumprindo sempre sobradamente o seu deber. Márchase un amigo, unha gran persoa, un gran deportista? Pero o seu legado perdurará no tempo.

Grazas por todo o que nos aportache. Descansa en paz.

*Alcalde do Concello de Bueu