Din os libros de historia e mais o Cantar del mío Cid que Rodrigo Díaz de Vivar, o celebérrimo Cid Campeador, gañou unha batalla cando xa falecera. Isto ocorreu en Valencia en xullo do ano 1099, é dicir, practicamente 900 anos antes de que David Raposeiras fora elixido Alcalde de Forcarei, en maio de 1999. Poida que a alguén lle pareza forzada ou esaxerada a comparación, pero o certo é que David, igual ca o Cid, deixa despois de falecido un derradeiro triunfo ó seu concello do que algunha xente non sabía, aínda que os máis achegados a el souberamos desde había tempo.

Nos derradeiros anos da súa xestión David non parou de traballar para darlle contido a un continente que tamén fora obra da súa honrosa xestión: a segunda fase do polígono de Vilapouca. Por iso, e coa grandísima implicación de Luís Docampo, un empresario de éxito que foi amigo da infancia de David, deron luz a unha iniciativa que xerará nada menos ca 35 empregos e cubrirá todo un lado do novo polígono, coa nova empresa que erixirá unha edificación de ó redor de 17.000 m2.

Non é a primeira vez que un empresario nacido en Presqueiras aposta por Forcarei impulsado pola boa acollida que aos proxectos interesantes e innovadores lles brindaba David, como foi o caso de ABCR Labs, presidido polo presqueirense Benigno Arén. Malia o labor que os dous, David Raposeiras e Luís Docampo, desempeñaron durante eses anos e debido á crise e a causas administrativas alleas aos dous, a iniciativa non frutificou ata o de agora, pero o traballo estaba aí e sabíase que en calquera momento permitiría que a aventura empresarial dera comezo e, con ese comezo, por demais ilusionante, se xerara a creación de emprego e a ampliación de horizontes nunha terra que lle debe aos empresarios boa parte do que é.

Emprendedores de Forcarei e da Terra de Montes triunfaron sempre tanto no noso país coma no exterior. Eses emprendedores son unha prolongación ou unha extensión dos vellos mestres canteiros que non se arredraban ante as dificultades, homes que nos novos tempos adquiren nova faciana. Luís Docampo é un triunfador que crea postos de emprego na vila de Pontevedra nunha época difícil coma a que estamos a vivir. Iso supón que é un home a quen, coma aos vellos canteiros, a crise non intimida; un verdadeiro iniciador; un solícito, dilixente e industrioso xerador de esperanzas e aspiracións.

Na actual conxuntura que estamos a vivir un posto de traballo é un premio máis relevante ca nunca, unha especie de gordo de Nadal. As persoas que comecen a traballar nesta fermosa iniciativa da nova empresa xa poderán agradecer ben a estes dous amigos xestores -un público e outro privado- a oportunidade que lles brindan. Forcarei xa tiña unha enorme débeda con David, agora teraa tamén con Luís Docampo, pero eu sei que Luís era como un irmán para David e non estará celoso desa gratitude compartida.

Crédeme que a historia non a escriben as bandeiras nin as ideoloxías, senón as persoas. Estou certo de que con máis persoas así, como os vellos amigos David e Luís, no noso país cantaría outro galo, o galo da esperanza. Xa o rei Alfonso X, a quen por algo apelaban o Sabio, dicía "Quemad viejos troncos, bebed viejos vinos, leed viejos libros, tened viejos amigos". As amizades de vello son as máis produtivas. Grazas aos dous, a David e a Luís, e grazas a Presqueiras por dar a Forcarei xente tan eficaz e tan comprometida cos demais. Nunha época coma a que estamos a vivir, esa é a mellor riqueza, o mellor legado, o legado destes dous amigos presqueirenses, David e Luís, xa para sempre xuntos na memoria colectiva de Forcarei.

*Escritor, exconcelleiro e veciño de Forcarei