A memoria colectiva dos pobos vaise conformando a través das experiencias (liberadoras, unhas; magoadas, outras) que a vida en común vai deixando en cada lugar. Ás veces, poucas, esta memoria colectiva pódese fixar porque algún escritor ou xornalista presta atención ao que acontece e o deixa plasmado na escrita; pero, decote, as pequenas localidades non teñen quen lles escriba e á memoria colectiva non lle queda máis que pasar de boca en boca, a carón do lume das lareiras ou no balbordo das tabernas. As cousas son así, sempre e cando non aconteza un cataclismo, unha desfeita social como a que viviu o Estado español tras a asonada militar do 18 de Xullo de 1936; entón, só pode circular á luz do día a "memoria dos vencedores", presentada como soporte indispensable da historia construída por aqueles que foron donos de vidas e facendas por un tempo interminable. Daquela, a memoria da Humanidade vencida (que non derrotada), só pode transmitirse ás agachadas entre a veciñanza e achegados de absoluta confianza, sustentada en persoas que mantiveron aceso o seu ideario de liberdade malia todas as dificultades que iso comportaba durante a Ditadura franquista.

Nun lugar como Cerdedo, onde o medo e a reserva aínda agroman na maioría da poboación cando o tema sae a relucir, non foi doado manter as lembranzas dos perseguidos, que foron moitos e moitas por estas terras: un mínimo de 178 represaliados e represaliadas temos documentado ao día de hoxe en todas as parroquias cerdedenses, entre asasinados, presos, exiliados, expropiados, mallados, vexadas....Esta dura e inxusta realidade, que salpicou a moitas familias do rural e da vila, foi (aínda o é) asolagada de vez por uns e por outros, quer por medo, quer por intereses creados ou por comodidade. De feito, en non poucas ocasións esta "memoria dos vencidos" debeu procurar acougo e agarimo lonxe da terra, alén mar, nas rúas bonaerenses ou paulistas polas que transitaron moitos daqueles e daquelas que foron declarados "parias" polos franquistas locais e non tiveron outra que emigrar. Chegados eiquí, permitídeme agora unha lembranza para os veciños de Figueiroa, Benigno Simal Penelas e Olga Camiña Monteagudo, falecidos na Arxentina e gardiáns ata súa morte desta memoria popular confrontada coa dos poderosos de antes e de agora.

Xa temos comentado como o lembrado Antonio Rodríguez Fraiz, foi quen de deixar un testemuño perdurable desta traxedia colectiva nas entradas que, sobre Terra de Montes, escribiu para a "Gran Enciclopedia Gallega" mediados os anos 70: foi un precursor, mesmo no que atinxe ao conxunto de Galicia. Pero hoxe sería imposible coñecer a magnitude dos padecementos que aturou a xente do común nas terras de Cerdedo, sen o teimudo compromiso coa "memoria dos vencidos" baseado na propia lealdade a uns ideais igualitarios e xusticeiros (socialistas, uns; libertarios, outros; galeguistas, aqueles; tanto ten) de conveciños nosos como Manuel Monteagudo de Castro, Rogelio Arca de Figueiroa, José Bugallo de Os Castros-Quireza, a familia Sueiro de Limeres, a familia Ventín de Tres Aldeas, Bonifacio Ferrón de Pedre e outros e outras que calamos por discreción. De todos eles sentímonos orgullosos.

Severino Rascado forma parte deste elenco de cidadáns con maiúsculas, cuxa dignidade nunca decaeu mesmo nunhas circunstancias moito peores das que agora debemos enfrontar. Uns cidadáns que hoxe son precisos máis que nunca, como referentes para construír un Cerdedo aberto, democrático e rexo na súa raigame galaica e antifascista, deixando atrás dunha vez por todas o apoucado clientelismo sectario que nos abafa. Por iso acreditamos na homenaxe que o PSOE (o seu partido) vaille facer este sábado a Severino de Mamoalba, e tamén por iso sumámonos a el de maneira incondicional.

Parabéns, Severino!

* Historiador e membro da Asociación Verbo Xido.