Unha das cuestións nas que máis adoito reparar cando visito por vez primeira unha cidade é como están organizados os espazos de xogo para a rapazada. Probablemente na cantidade e na calidade destas instalacións €sexan os "parques infantís, as "zonas verdes" ou espazos deportivos informais€ atopemos algúns dos indicadores máis fiables da calidade de vida da cidade e do benestar da súa cidadanía. Por ventura, os espazos deste tipo cos que contamos en Vigo melloraron nos últimos vinte e cinco anos unha barbaridade, imitando ou importando as características e calidades daqueloutros que antes nos asombraban nas cidades do Reino Unido ou nos países escandinavos modélicos nesta cuestión.

A existencia destes espazos urbanos é un dereito da infancia recoñecido na "Convención dos Dereitos do Neno" asinada na ONU en 1989, que estipula que "Todo neno [toda nena] ten dereito ao xogo no fogar, na escola e no ambiente comunitario para que poida despregar as súas actividades lúdicas liberadoras". Un xeito de expresar a importancia decisiva do xogo como celme definidor da vida infantil en todas as culturas e comunidades. Os nenos e as nenas xogan porque xogando se fan a si mesmos. Xogar é moi importante para eles xa que, ademais de lles proporcionar pracer, é o seu primeiro laboratorio, xa que contribúe a que poidan descubrise a si mesmos, a probarse, a explorar límites, a socializarse e, o que aínda é máis definitivo, a poder comprender a vida.

O arranxo de espazos urbanos especializados para o xogo da infancia €"os parques infantís"€ debe formar parte principal das políticas de humanización orientadas para potenciar a convivencia interxeracional e o desenvolvemento urbano sostible. Non está de máis insistir na idea de que humanizar as nosas rúas non pode consistir só en ampliar e empedrar as beirarrúas, renovar as acometidas e sumidoiros, plantar algunhas árbores e xardiñeiras con flores ou instalar novo e máis moderno mobiliario urbano. A pesar da súa necesidade e do pulo que proporcionan á actividade económica en plena recesión estas actuacións por si soas non abondan. Humanizar a cidade tamén é propoñer á cidadanía un novo modelo de mobilidade, que reduza de forma eficaz a utilización do vehículo privado e incite a camiñar polo rueiro. Humanizar é crear máis espazos de convivencia para as persoas adultas, facilitando a instalación de terrazas, colocando bancos ou creando, cando sexa posible, novas prazas ou sendas verdes peonís€

Como humanizar a cidade supón deseñar uns parques infantís que faciliten o desenvolvemento da actividade lúdica, da socialización e da conquista da autonomía dos picariños, un segmento da poboación moitas veces invisible para a clase política. Corresponde aos concellos a responsabilidade de crear espazos de xogo e lecer que, ademais de dispoñer de aparellos para que rapaces e rapazas de diferentes idades poidan arrandearse, saltar, escorregar ou gabear con completa seguridade, conten con elementos naturais (as árbores como a vexetación vizosa son imprescindibles) e cunha topografía irregular (non necesariamente plana) e de diversas texturas que favoreza as actividades lúdicas que desenvolvan a motricidade fina e a discriminación perceptiva dos seus usuarios. Hoxe, máis ca noutrora, cando se sacraliza o sedentarismo do xogo solitario de horas e horas diante das pantallas, as nosas crianzas precisan de saír da casa e vivir no "parque" con outras iguais a experiencia insólita do contacto directo coa terra e auga, enzoufándose con estes elementos ou xogando ao guá, como nós faciamos hai cinco ou seis décadas. En definitiva, a cidade ten a responsabilidade de contar con espazos ao aire libre seguros concibidos para facilitar a diversa tipoloxía de xogos en autonomía de nenos e nenas de diferentes idades, desque comezan a camiñar até que debutan nas actividades predeportivas.

Tras un período de moita preocupación municipal por esta cuestión, na que o Concello de Vigo, moi implicado no programa de cidades educadoras, arranxou e modernizou máis dun centenar destes "parques infantís", tanto do centro como do periurbano, precísase de maior atención no mantemento, seguridade e limpeza dos xa existentes (algúns, magoadamente, en condicións deplorables por mor do vandalismo e da invasión das súas instalacións por parte de cans) como de pulo para a ampliación ou creación doutros novos. Espazos para a infancia que poden ser complementados cos denominados "parques biosaudables", un tipo de mobiliario urbano que semella facilita o exercicio físico de persoas maiores, e do que existen máis de trinta áreas en Vigo. Atender a esta demanda de picariños e maiores, de netos e avós, é unha aposta pola humanización real da nosa cidade. Paga a pena.

bretemas@gmail.com