Cando merco un produto ou escollo un servizo, ademais de ter en conta o prezo e valorar as condicións de calidade, gosto de coñecer tamén a súa trazabilidade, esa información imprescindible para saber da súa orixe e do itinerario do seu proceso de comercialización. Utilizando estes criterios de consumo responsable non teño vergonza ningunha en confesar que a miña preferencia primeira está a prol dos produtos alimentarios que teñan a súa orixe en Galicia. Unha opción que nada ten que ver cun chovinismo visceral e si, pola contra, co seu excelente nivel de calidade e co apoio que precisan os seus produtores para facerse un oco nas canles de comercialización cada vez máis pechadas polos intereses do mercado maiorista. Por ventura hai moitos e excelentes produtos galegos, a prezos moi competitivos, onde cadaquén pode escoller en función dos seus gustos.

Consumo leite, queixo, iogures e outros produtos lácteos galegos. Prefiro a tenreira galega e o porco celta. Merco ovos de galiñas ceibes de explotacións galegas. Aposto polo peixe fresco do día, pola enorme variedade das nosas conservas e conxelados das peixarías galegas. Gosto das patacas da Limia e de Coristanco, dos pementos de Herbón e Arnoia, así como da leituga e tomates "país" e dos produtos de tempada da nosa horta tan rica e variada. Devezo polo mel galego e polos nosos viños, tanto os brancos coma os tintos, que hai ben de escoller entre as cinco denominacións de orixe. Prefiro a cervexa producida e embotellada en Galicia e sempre escollo entre a variedade das nosas augas minerais (consideradas entre as mellores da península). Adoito facer a compra nos establecementos populares do barrio de Casablanca, onde teño todo o que precisamos, dende as mellores patatillas (produto cen por cen vigués) a un sabedeiro pan de confección artesanal.

Coñecer a trazabilidade dun produto ou servizo (unha información achegada pola etiquetaxe e a sinalética no punto de venda, complementada coa publicidade e información web), permite ao consumidor valorar tamén a actitude social e ambiental da empresa subministradora, dúas cuestións moi a ter en conta no actual consumo responsable. Hoxe a responsabilidade social empresarial (RSE), asentada na sostibilidade como primeiro valor de desempeño, obriga a que todas as empresas que ofrecen produtos e servizos ademais de manter a súa rendibilidade de forma continuada asuman os impactos e repercusións sociais e ambientais da súa actividade. Hoxe (máis aínda nestes tempos tan difíciles de crise) as empresas son valoradas polos consumidores e polos seus competidores tamén pola súa capacidade proactiva para innovar, polo súa dispoñibilidade para facilitar a conciliación, formación dos seu persoal e unhas condicións de traballo dignas, polo seu compromiso para reciclar os seus residuos e diminuír o impacto ambiental da súa actividade, para mellorar a comunicación coa súa clientela e mesmo para promover a súa participación por medio das redes sociais ou para contribuír ao desenvolvemento da comunidade á que pertence nos eidos deportivos, culturais ou educativos. Hoxe as empresas, tanto as grandes corporacións como as pemes, están obrigadas a ser rendibles e socialmente comprometidas.

Asumindo a responsabilidade social empresarial, estou convencido de que aquelas pemes que utilizan o idioma galego na etiquetaxe e na publicidade dos seus produtos e servizos resultan máis atractivas e fidelizan moito mellor coa súa clientela. Como consumidor responsable simpatizo abertamente con esta estratexia que, como está máis que comprobado, a estas empresas non lles vai nin diminuír a súa capacidade exportadora nin provocar resistencias no mercado interior español. Ese é o camiño de responsabilidade social asumido de forma moi intelixente pola Irmandade de Adegueiros Galegos, que agrupa a 197 marcas e 400 empresas, o 47% do sector vitivinícola galego, que etiquetan en galego as súas botellas, achegándolles un valor engadido. Ese é o vieiro alentado pola campaña "ConsumoGustos etiquetados en galego", promovida polo Foro Enrique Peinador coa intención de contribuír a galeguización do sector agrogandeiro. Ese é o obxectivo da iniciativa da plataforma ProLingua "Aquí tamén atendemos en galego" destinada a incentivar o emprego do galego nos bares e comercios. Esa é, tamén, a razón de ser do certificado Abertos ao Galego, xestionado pola Mesa pola Normaliación Lingüística, un distintivo para empresas que adopten e desenvolvan compromisos co galego. Iniciativas destinadas a recoñecer o compromiso destas empresas de incluír a utilización do galego e o respecto aos dereitos lingüisticos da cidadanía dentro do seu programa de Responsabilidade Social Empresarial. Merecen as maiores beizóns.

bretemas@gmail.com