A falta de apoio da Xunta de Galicia obrigará a un probable peche de Preescolar na Casa. Fundado en 1977 en Lugo por Antonio Gandoy, o queridísimo "crego da bicicleta", secretario de Cáritas Diocesana Galicia, este programa tratou de buscar unha solución á carencia de prazas escolares para os picariños da aldea, tratando de paliar a discriminación á que estaban sometidos ao chegar á EXB en desiguais condicións ás do resto do alumando da súa idade. Dende aquel pioneiro programa piloto, no que o padre Gandoy pretendía axudar aos pais e nais dalgunhas comarcas do rural lucense a educar aos seus fillos nos primeiros anos de vida, Preescolar na casa desenvolveu sempre unha fecundísima actividade coa intención de crear na sociedade unha cultura de Educación Infantil Familiar.

Unha iniciativa que Gandoy, dende a súa inequívoca concepción humanista da educación, concibía como "unha utopía realizable e irrenunciable", xermolada polo bo facer dun equipo entregado de profesionais, pola axuda de Cáritas e do Ministerio de Educación, primeiro, e máis tarde, da Consellaría de Educación que cederon mestres en comisión de servizos para traballaren na iniciativa. Un programa ao que durante décadas contribuíron, tamén, as achegas de concellos, deputacións e outras institucións, e do que o fundador, antes do seu pasamento en 2002, renunciou a ser referente propiciando a creación dun Padroado no que participan os profesionais do programa e as institucións que o apoian.

Ao longo da súa historia foron probablemente máis de 50.000 as familias galegas que participaron nas actividades de Preescolar na casa, sendo neste curso que remata case catro mil as familias participantes en 660 espazos educativos distribuídos por 267 concellos. Aínda que o modelo de intervención educativa foi mudando, o programa alicerzouse nas xuntanzas quincenais de pais e fillos de arredor de cinco familias dunha mesma zona. Durante dúas horas os orientadores analizan coas familias as actividades realizadas na casa, presentan novos materiais didácticos, resolven os problemas ou dúbidas das familias ou xogan cos picariños. Estas xuntanzas compleméntanse coas visitas que os orientadores fan as familias e cos materiais impresos de apoio que distribúen.

Gandoy e o seu equipo interesáronse dende o inicio de Preescolar na casa polo papel que os medios de comunicación social podían ter para apoiar a intervención dos orientadores, ao tempo que para contribuír a crear unha cultura de parentalidade positiva na sociedade galega, o concepto clave da súa filosofía educativa. De aí naceu en 1981 o programa emitido polo circuíto galego de Radio Nacional, continuado na actualidade polo programa dominical matinal da Radio Galega. Da mesma convicción naceu en 1990 o espazo da Televisión de Galicia, do que se emitiron 700 programas, o que constitúe a experiencia de televisión educativa máis importante da nosa historia. De aí saíron as súas revistas e a publicación das súas monografías de divulgación educativa e de escola de pais.

Ao longo destas tres décadas e media de intensa actividade, Preescolar na casa nunca foi nin unha gardaría nin sequera unha escola infantil, senón un programa sociopedagóxico pioneiro e dinámico de parentalidade pública, fomentador da implicación dos pais na formación temperá do seus fillos. Unha orientación recomendada polo comité de ministros da Unión Europea para os que "o exercicio da parentalidade, aínda que vinculado á intimidade familiar, debe ser considerado como un ámbito da política pública e deben adoptarse todas as medidas necesarias para apoiar o exercicio parental e crear as condicións necesarias para un exercicio da parentalidade". Preescolar na casa é considerada como unha experiencia de éxito en foros internacionais de educación familiar, sendo imitada noutras comunidades como Asturias ou Castela, e valorada como modelo no Reino Unido ou Ecuador.

A agonía de Preescolar na casa por insuficiencia financeira, tras manter un ERE de suspensión e extinción ao longo do curso que remata, está motivada pola decisión da Consellaría de Traballo e Benestar de eliminar a axuda de medio millón de euros imprescindible para o pagamento do persoal. Unha medida estritamente política que a conselleira Beatriz Mato xustificou por considerar o programa como "obsoleto" e "non válido", a pesar de que é innegable que Preescolar na casa foi sempre viable e eficaz socioeducativamente, que contribuíu a vertebrar e modernizar un territorio en proceso de desertización e promover o emprego e a dignidade da lingua e cultura galega nun difícil proceso de substitución. Como escribiu Manuel Rivas eu creo tamén que "a supresión deste servizo exemplar merecería unha denuncia ante Dereitos Humanos da ONU".

bretemas@gmail.com