Desde a Universidade de Vigo queremos felicitar a todo o celtismo polo seu ascenso á primeira división. É unha alegría e unha satisfacción para todos e todas. Mais non só é un motivo de alegría para aqueles que son afeccionados ao Celta, ao fútbol ou ao deporte. Porque a alegría é contaxiosa e se instala no sentir colectivo, nos mobiliza, nos anima, nos motiva. Porque estes logros aúnan sentimentos de persoas de moi diferentes vidas, gustos e sensibilidades e fan compartir ilusións a nenos e nenas e a homes e mulleres de todas as idades. Porque é o resultado dun traballo colectivo, dun esforzo continuado na procura dun obxectivo. Porque é consecuencia da entrega e da dedicación dun grupo de mozos. Porque dá visibilidade e presenza á cidade de Vigo e por ende a Galicia. Porque non é un punto e final. É un punto e seguido para continuar competindo enfrontando novos retos noutros campos, noutros partidos e con outros rivais, máis fortes e difíciles de bater. O camiño non será fácil, nunca o é, pero hai que percorrelo, paso a paso, ás veces correndo e ás veces andando.

Na Universidade de Vigo sabemos do que falamos. Somos coñecedores do valor do mérito persoal e da capacidade de aprender e mellorar. O noso obxectivo é a formación de persoas desde a base ata os niveis máis altos de coñecemento. Apostamos polos valores propios, sen esquecer os que nos aporta a sociedade na que nos inserimos. Tamén sabemos e comprendemos que as figuras máis destacadas poidan marchar e iso reforza o noso obxectivo de formación e de oferta de oportunidades. Entendemos e fomentamos o traballo en equipo, o esforzo colectivo e continuo, a crenza nun proxecto común para facernos un oco entre os mellores nunha competición desigual na que contamos con recursos máis limitados. Unha competición na que non sempre se gaña, pero na que sempre se aprende e, polo tanto, se avanza. Tampouco nós temos un camiño fácil, pero sabemos onde queremos chegar. Non nos conformamos, aspiramos a todo e por iso estamos a competir en Europa. Con traballo, con ilusión.

Traballamos a cotío coa vista posta no futuro para visibilizarnos no panorama nacional e internacional e para transferir á sociedade os coñecementos dos que dispoñemos. Sabemos que a Universidade de Vigo conta co apoio e o recoñecemento social do noso entorno pero somos conscientes de que no aspecto afectivo, no eido dos sentimentos, o Celta nos gaña por goleada. Pero seguimos aí. Polo momento, intentando recortar o marcador.

* Rector de la Universidad de Vigo