Moitas son as voces e as plumas que se levan pronunciado ó longo diste ano en col da personalidade e dimensión intelectual de Valentín Paz-Andrade. Por tanto a miña só se pode deixar ouvir na condición de fillo. Xa que logo, falo coma mantedor da voz do sangue, para me adiantar a dar sinal do noso agrado polas múltiples mostras de agarimo recibidas dende os recunchos mais alonxados da Galiza e fora dela. Louvo á Real Academia Galega polo xesto de xenerosidade e fidalguía que vén de ter ca memoria do meu pai ó adicarlle ó día grandeiro das Letras da Nosa Terra.

Escribo esta crónica para FARO DE VIGO, cheo de emoción, desde o terceiro andar do edificio Sanchón, na rúa Policarpo Sanz 22, de Vigo. Fora primeira morada dos meus pais, ó mesmo tempo lugar de traballo de Valentín e tamén a casa onde eu nacín.

A poucos metros atópase o antigo Teatro García Barbón, hoxe convertido en Centro Cultural Novacaixagalicia, e un dos espazos máis vivos, activos e ceibes dos círculos da nosa cultura e convivencia urbana. Foi neste emblemático predio onde o 25 de Xulio de 1930 correu o inesqueible acto do "Día da Galiza"; no que subiron á palestra Otero Pedraio, Castelao e Paz-Andrade. Don Ramón disertou sobor "A significación espiritual do día da Galiza"; Alfonso Daniel, fíxoo sobor "O Galeguismo na Arte", e cerrou o acto Valentín, cun discurso baixo o título "A Nosa definizón Autonomista".

Meu pai foi, coma xa se ten dito, home de personalidade poliédrica, xente de moitas inquedanzas. Naceu en Lérez, no Burgo pontevedrés, o 23 de abril de 1898 na mesma data e o no mesmo mes en que o fixeron os meus dous únicos fillos. Lérez foi terra de moinantes e berce do sonado "carteirista Benerando" de quen meu pai contaba anécdotas con moita rexouba.

Valentín, orfo de nai desde os oito anos, creceu nun lar católico influído polas mulleres da familia. Algunha delas, quixo enrolalo axiña nas ringleiras do seminario. Foi a primeira resistencia que tivo que afrontar no propio seo familiar para se arredar, cecais, de ser outro de tantos ex-seminaristas da intelectualidade galega daquela xeira. Unha respeitábel orientación, que non conxugaba cos seus pulos de mozo aberto, liberal, cunha alma chea de revolución e corpo afervoado por vivir.

Desde cedo profesa o afincamento de traballar arreo por rescatar a Galiza do atraso económico e social no que se atopaba. Compromiso que se ía converter no cerne da súa existencia.

A súa vida abrangueu moita faena, quixo ser avogado e foi un bo avogado. Debaixo da súa toga ilustrada e intuitiva, latexou decote "un home enteiro" con decencia e concencia social. A del foi unha vida consagrada á Galiza, cunha mensaxe ceibadora, anovadora e de pragmática rebeldía. Unha mensaxe, de apóstolo leigo, chamada "Galiza como Tarefa".

En 45 anos vivindo á súa beira, vino tombar e erguerse. Compartín intres de trunfo e intres de fracaso, de ledicia e de sacrificio, de hostil persecución e abouramento e de cadea en diversas ocasións, a derradeira no ano 1957.

Fun testemuña do seu traballo apaixoado, ilusionado, peito con peito con homes da sua xeración. Penso que alguén deberá estudar á par, as figuras do noso lembrado Isaac Díaz Pardo e a do meu pai. Nestes dous persoeiros, non agromaron os pesadelos do sectarismo e das capeliñas o máis magoento déficit moral e mental, da Nosa Terra. Estamos perante dúas figuras de espírito aberto, moderno, solidario e sumatorio. Dous homes que desde vértices diferentes conciben e reclaman unha mesma Galiza ceibe, democrática, tecnificada, industrializada, tecnolóxicamente avanzada, cabalmente autónomica e aberta o mundo.

Comprenderedes que os meus anos non me acora o non ser políticamentes correto, non me causa desacougo algún: Mais tiveron que pasar 25 anos do seu pasamento e máis dun século do seu nacemento, para que unha institución o rescatara do silencio.

Sospeitoso silencio... Algúns decidiron esquecelo denantes de o estudar e o entender. Para amiñorar algunha inxusta ingratitude déixoo dito o aquí, so coma un aceno. Máis moitos sabedes do que falo.

A biografía de todo home é sempre un percorrido histórico sen rematar, na dun home coma VPA hai que dicor moito máis, abofé. Canto máis pasa o tempo, a verdadeira dimensión intelectual de Valentín medra con sorpresa ós ollos de quen agora está a estudar o cerne do seu pensamento.

Plumas esgrevias emprenderon xa o traballo de esculcar e escolmar a sua faciana: xuridíca económica, política, poética, xornalística, de ensaio literario, coma tecnólogo pesqueiro internazonal, etc.

Fica moito por pescudar...documentos virxes espallados polos arquivos de América e Europa. A pouco frecuente congruencia entre a sua acción e o seu discurso, a sorprendente densidade conceptual da súa prosa e do seu verso; o sinxelo xeito de vivei, amar, ouvir e traballar arreo. O seu adivinatorio don en col da política e o análise da economía galega, están a facer agora, da súa forte personalidade, imán para plumas egrexias.

Do mesmo avoengo ca Alexandre Bóveda, Vilar Ponte, Otero Pedraio, Castelao, Suárez Picallo, Luís Seoane, Blanco Amor, Pepe Núñez Bua, Díaz Pardo... A súa vida, os seus soños, a súa morte, son poesía viva: "Pranto Matricial", "Sementeira do Vento", "Cen Chaves de Sombra"; Valentín tamén foi poeta, sólido e activo, apenas ese pouco de poeta que necesita o home de acción para non esmorecer na barbarie dos seus propios ímpetos.

O home é o que é non pola súa sangue se non pola súa cultura e ensino. Meu pai medrou a súa adolescencia, baixo o ensino de dous homes que o marcarían: Seu tío por parte de nai, o poeta Juan Bautista Andrade, home culto e de singular elegancia espiritoal, e o seu tío por parte de pai, o republicano Roque Paz.

Do primeiro herdou a paixón polas letras e o xornalismo; o segundo inculcoulle a rebeldía e o afincamento solidario ca sociedade. Velaí, o manancial onde bebeu a auga limpa que o fixo camiñar desde novo pola senda teimuda e apaixoada do xornalismo e o galeguismo, dous sentimentos vertebrais da súa razón de existir.

"O xornal Galicia" (1922-1926), foi para el moito mais ca unha experiencia editorial; foi un abranxemento vital, un sentimento labrado a lume no fondal da súa alma.

A resvista "Industrias Pesqueras" foi un acougo, unha benquerida ferramenta coa que traballou arreo, para orientar, modernizar e industrializar a pesca galega, redimindo aos nosos mariñeiros da servidume, duns traballos escravos e arriscados.

E salientable a súa intensa e fertilizante achega a prensa da época: "El Sol", "El Pueblo Gallego", "La Noche", "Faro de Vigo", son exemplos fecundos do seu traballo xornalístico. Seu parlamento foi distinto ó do seu tempo. A súa voz rexa, brandieira, tiña un aquel de emoción que a facía chegar doadamentes ás xentes máis dispares.

O seu pensamento é sutil, e de intensa forza; na hora cega de España, a sua actitude foi de destaque, valente e sobranceira, xa me entendedes, sen místicas ambigüedades frecuentes naquela xeira. Foi o mesmo tempo santo e herexe, un deses ecos que xorden de cando en vez na Galiza, non sei se adiantado, ou adiado para o seu tempo.

De Valentín, eu destacaría o seu compromiso ético, a súa loita en prol da xustiza, do coñecemento, da dignidade humana, da solidariedade, a súa inclinación polas artes e a fermosura, incluída a feminina. A súa andaina vital e profesional, fan del unhan figura tutelar. As miñas derradeiras verbas han amosar o meu bo grado e o da miña familia, que rendimos a todos, nomeadamente ó Presidente da Xunta de Galiza, e ó Alcalde de Vigo.

Ó Consello da Cultura Galega, na persoa do seu presidente Ramón Villares que adicou tempo e medios pra pescudar e catalogar a obra de VPA, a Consellería de Cultura, a Miguel Anxo Seixas, coordinador do Legado Paz-Andrade e como non, a Real Academia Galega, na persoa do seu presidente Xosé Luís Méndez Ferrín que como anovador está a rachar nesta xeira, con xestos cativos. Ás editoriais e xornais que en tempos estreitos veñen de facer un esforzo manifesto para espallar a obra de Valentín.

No nome dos Paz-Andrade vivos, para todos saúde, ledicia, liberdade e moitas grazas.