Para comprender o "tax lease"

Francisco Xavier Martínez Cobas*

 02:32  

Desde hai aproximadamente un ano, unha expresión descoñecida, o tax lease ou arrendamento financeiro-fiscal, pasou de ser unha palabra técnica para algúns especialistas do financiamento a converterse na preocupación de miles de familias que dependen, de forma directa ou indirecta, da construción naval nas rías.

Pasado este tempo, sabemos que o problema continúa sen resolver, e que buques que poderían estar construíndose aquí son encargados noutros estaleiros, dentro e fora da Unión Europea.

Dado que o arrendamento fiscal é unha preocupación social, a intención deste artigo é explicar nun decálogo, sen tecnicismos e lexislación para facilitar a comprensión , qué é o tax lease, qué está sucedendo e qué pode facer, na miña opinión, para resolvelo do xeito máis rápido posible.

-¿Qué é o tax lease? Un mecanismo legal no que participan varias sociedades que, combinando a normativa fiscal con contratos de arrendamento con diferentes prazos, saen beneficiadas da súa aplicación.

-¿Cómo funciona? Participan directamente na operación o armador que quere o buque, o estaleiro que o quere construír, unha agrupación de empresas que están tendo beneficios nas súas actividades económicas e unha sociedade de leasing ou arrendamento que facilita a operación. A sociedade de leasing compra a buque no estaleiro a un prezo determinado, e arrenda ese buque a unha agrupación de empresas. O estaleiro xa ten cliente e comeza a preparar a construción do barco. A agrupación de empresas asina o contrato de arrendamento por un prazo moi curto, normalmente de pouco máis de tres anos, que coinciden cos prazos mínimos aos que a lei permite amortizar un buque en determinados supostos. Nese prazo o contrato de arrendamento provoca perdas por culpa da amortización. As perdas se reparten entre as empresas da agrupación e cada empresa, cando ten que pagar o imposto de sociedades sobre os seus beneficios, desconta esas perdas, pagando un menor imposto nese momento. En paralelo a ese contrato, a agrupación de empresas realiza outro contrato co armador, normalmente un contrato de arrendamento con opción de compra, pero con menor prezo e maiores prazos ca o contrato anterior. Con ese dobre contrato, a agrupación de empresas ten un certo beneficio fiscal pero o que consegue, contra o que se pensa, non é tanto pagar menos impostos (que algo tamén) coma diferir o pago no tempo, isto é, pagar anos máis tarde, o que é beneficioso para elas. A maior parte do beneficio desta combinación de contratos vai parar á compañía armadora, xa que o prezo do seu contrato coa agrupación de empresas é inferior ao prezo que cobra o estaleiro polo barco.

-¿É legal este tipo de contratación? Si. As bases na lexislación estatal están no tratamento do imposto de sociedades, na normativa sobre agrupación de interese económico e no réxime fiscal especial das sociedades naveiras, esencialmente. As compañías que participan na operación actúan conforme á lei.

-¿Por qué a Comisión Europea o rexeita? Para comprender esta situación, é necesario aclarar que a finalidade das normas fiscais, contables ou mercantís nun Estado da Unión, non pode ser vulnerar a libre competencia. Tema diferente é que da lexislación fiscal, que non está harmonizada na Unión Europea, se deriven diferenzas entre países. A Comisión Europea considerou que o tax lease español é unha axuda de Estado encuberta, aínda que non hai subvencións nin axudas públicas. Baseouse para iso en cuestionar diferentes aspectos da normativa fiscal e de amortización, como por exemplo a posibilidade de amortizar un buque dende o momento no que se contrata a construción, e non dende que está construído, e outras. O Estado considerou, pola súa parte, que a normativa estatal axústase ás normas comunitarias, e non se producen discriminacións por nacionalidade ou sector económico.

-¿Quen gaña con isto? Toda a competencia directa dos nosos estaleiros e particularmente os dos holandeses, que están actuando organizados coma un grupo de presión ante as institucións comunitarias en relación ao arrendamento fiscal estatal.

- ¿É específico de España o tax lease? Non. A efectos prácticos, utilizando diferentes combinacións de contratos, prazos de amortización e tratamentos fiscais, outros Estados membros da Unión Europea teñen fórmulas diferentes que acaban por supoñer unha bonificación na contratación naval ou noutros sectores.

-¿Déixanse de recardar impostos por culpa do tax lease? Non. É certo que o arrendamento fiscal supón un retraso nos prazos de cobro do imposto de sociedades nas empresas agrupadas, e tamén unha lixeira rebaixa das cantidades a pagar. Pero esas contías vense recuperadas para o ingreso público pola xeración de actividade económica na construción naval, sobre todo pola maior recadación do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) das persoas que traballan no sector, e por todos os efectos fiscais indirectos da xeración de renda e consumo.

- ¿Este tipo de fórmulas suceden só no sector naval ou en todos? Suceden en todos en xeral. Canto maior é o valor dos activos e maior a internacionalización, máis comúns son as combinacións de contratos con consecuencias fiscais e financeiras. O sector aeronáutico, por exemplo, é igual ou máis complexo ca o sector naval. Poñamos un exemplo: Cando subimos a un avión no Aeroporto de Peinador, podemos pensar que Iberia (actual IAG) é a propietaria do avión no que viaxamos; sen embargo, o máis probable é que o avión estea en Vigo coma resultado dun tax lease formalizado en Xapón, Alemaña ou Gran Bretaña, aínda que nin o fabricante do avión nin a compañía aérea teñan a sede social neses países. Pero o uso da moeda ou a sede social da agrupación de empresas ou fondos de investimento que participan, poden levar o contrato a un destes tres países para abaratar o custe financeiro do uso do avión.

- ¿É tax lease el único problema del sector naval? Non. O tax lease ou algún outro mecanismo semellante é unha condición necesaria para que algúns estaleiros galegos podan competir en igualdade de condicións cos doutros territorios que compiten construíndo o mesmo tipo de buques, pero as necesidades do sector e de cada estaleiro son diversas. Debemos defender unha solución a este caso pero non confiar en que con isto se resolve o futuro do sector naval, nin tampouco utilizalo como escusa para ocultar outras eivas.

-¿Ten solución? Sí. Resolver esta situación pasa por unha dobre actuación, unha de carácter técnico e outra de carácter político, asumindo que a rapidez na resolución é vital para recuperar canto antes a contratación nas rías e evitar un maior deterioro do sector e do emprego. Dende o punto de vista técnico é necesario consensuar coa Comisión un modelo normativo que, aínda que sexa diferente do anterior, resolva os atrancos que levaron á suspensión do tax lease estatal. Outra vía sería o emprego total o parcial de modelos alternativos, coma por exemplo o de Holanda. Dificilmente podería reclamar o seu sector naval sobre modelos que están a aplicar eles mesmos. Dende o punto de vista político é necesaria unha implicación ao máis alto nivel ante a Comisión Europea. A política marca a prioridade nos tempos e o tax lease debe entrar no que nos últimos meses se denomina diplomacia económica. O actual Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García-Margallo, como vicepresidente da Comisión de asuntos económicos e monetarios do Parlamento Europeo ata hai poucos meses, pode ter un papel tan necesario como os dos ministerios con competencias no sector para a resolución do problema.

*Comisionado de Plans Estratéxicos da Universidade de Vigo

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya