Valentín Paz Andrade tivo familia en Combarro, unha familia con posibles pois dispoñía de varias casas nesta fermosa vila mariñeira da ría de Pontevedra, ademais dun almacén no que pode ser fixesen salga de peixe e, seguro, arranxo de aparellos de pesca, pois alí había varios píos para encascar as redes entón de algodón. Este vencello da familia dos Andrade con Combarro vén, ao parecer, dende polo menos o primeiro terzo do século XIX.

O avó de Valentín, Manuel Andrade Carlín, nacera na freguesía de Brandomés (Carbia), terra adentro. Pero casou "cunha moza da mariña combarresa", a avoa Rosario, muller de máis vitalidade da que tería o seu home, según confesou o propio Valentín nunhas súas memorias. É posible que Manuel e Rosario se coñeceran nas festas de San Bieito de Lérez, pois ela vivía no convento daquela parroquia co seu tío Frei Xoán Arribas, prior da comunidade bieita ata a exclaustración da época de Mendizábal, alá por 1835.

Alí, preto do río Lérez, nacería a nai de Valentín, Matilde, e o seu reverenciado tío, Xoán Bautista, quen despertara nel o feitizo "das letras e a paixón por Galiza." Outras dúas tías súas eran Rosario e Pilar. Esta, que enviuvara, quedou vivindo en Combarro. Ás outras irmáns, Frei Xoán Arribas construíralles cadansúa casa no barrio do Socorro, a pouco máis dun quilómetro da ponte do Burgo en Pontevedra. Nunha desas casas foi onde naceu Valentín Paz Andrade en 1898 e onde finou a súa nai Matilde, sendo el moi novo, con apenas oito anos.

Descoñecemos cal foi a traxectoria vital de Pilar Andrade en Combarro. Pero o feito é que alí, pasada a Guerra Civil, quedáballe parentela, pois de Combarro era Carolina Vidal Muiños, unha muller do círculo afectivo dos Paz Andrade, de xeito que, con ela, Combarro formou parte da xeografía familiar frecuentada por Valentín. Carolina vivía nunha vistosa vivenda, con potiño cara o norte e solaina cara o sur, sobre os areos da Rúa e as pedras da Jurita, a vinte metros do mar. Tamén tiña casa con balcón e balaustrada barroca de cantería en fronte da igrexa parroquial de San Roque, e o citado almacén da Jurita -hoxe convertido en restaurante-, así como, ao menos, unha casiña alboio ao pé do seu fogar, que acabou comprando Pepe o Coto.

Ese emparentamento con Combarro foi o que trouxo aquí en 1952 a Valentín Paz-Andrade, acompañado de Carlos Maside, co fin de proporcionarlle ao artista un aloxamento con aire de familia, para que pasara o que ía ser unha longa e fecunda estadía creativa, convivindo coas xentes do mar deste pobo. Esa estadía tivo lugar na casa de Celia Rodríguez Vidal.

Celia, que hoxe ten noventa e seis anos, e apenas conserva fragmentos de lucidez, é unha das mulleres cos ollos azul-verdoso máis luminosos, máis transparentes que eu poida lembrar de Combarro. Alegre e festeira como poucas. Memoria viva, cando a conservaba ben, das tradicións e do folklore, das cantigas de Combarro. E muller de fala amable, persuasiva, engaioladora. Paz Andrade non se dirixira á casa de Celia por un acaso. Ela era sobriña de Carolina Vidal. Fora Carolina quen criara a Celia, sendo esta nena; e era Celia quen entón coidaba a Carolina, sendo esta maior. Morreu na casa, contáronme a propia Celia e Antonio, o seu fillo.

Cando Paz Andrade lle chegou con Maside, Celia, ao principio, ofreceu algo de resistencia e unha restra de dúbidas: como ían coidar, na casa, daquel home pintor? Pero non lle fixo falta insitir moito a Valentín. Ao pouco, Maside estaba asentado na de Celia. E deixou fonda amistade, fonda pegada. Antonio o de Celia, que entón tiña uns nove anos, lembra que se cartearon tras deixar aquel a casa, á que volvería en 1953 e nalgún outro momento.

Era un home exquisito, tenme dito Celia de Maside: sempre pulcro, sempre ordenado, cos seus papeis, cos seus lapis, cos seus pinceis, co seu inseparable block de apuntes, traballando a cotío, desde a mañán moi cedo, e, no seu cuarto, sempre coa súa aquela xiringa disposta para tratar a diabete. Esa imaxe quedáralle moi gravada. Maside era un home de pouca saúde. Un home que, nos seus meses de estadía, identificouse tanto co ambiente e coa xente do lugar que se fixo un máis de Combarro. Acabou tendo no pobo unha familiaridade semellante á de Valentín Paz Andrade. Porque Valentín constituía, directa ou indirectamente, unha figura familiar para moitos combarreses. Era relativamente frecuente que os patróns de Combarro se aprovisionasen de redes e doutros aparellos de pesca nos efectos navais que os Paz Andrade tiñan en Vigo. Cando de comprar ao fiado se trataba, era a parente Carolina quen servía de fianza. Bastaba decir que se viña de parte de siña Carolina "a de Muiños". A fianza da confianza.

Así pois, Carolina Vidal Muiños ligaba a Valentín Paz Andrade con Combarro, de xeito parecido ao que este, á súa vez, ligou a Maside co pobo, a través da sobriña daquela, Celia Rodríguez Vidal. Foi deste xeito como en 1952, hai agora sesenta anos, quedaron vencellados, para sempre, os nomes de Combarro e de Carlos Maside, un dos máis excelsos artistas galegos contemporáneos, por medio dun dos forxadores da contemporaneidade galega, Valentín Paz Andrade.

Redes humanas, redes territoriais, redes ao fin afectivas, trenzadas neste caso por dúas mulleres significativas na densa e estreita vida local, Carolina Vidal, xa difunta, e Celia Rodríguez, aínda viva, á que queremos moito porque ela foi, coa miña aboa Carolina e a miña nai Carme, unha das mulleres que me axudaron a coñecer, a entender e a amar á vila de Combarro, a miña patria da infancia.

*Profesor da Universidade de Vigo e Coordinador dos Actos Conmemorativos do 40 Aniversario da Declaración de Combarro como Conxunto Histórico

vallejo@uvigo.es