Decote definimos a Vigo como cidade industrial e marítima atlántica, coa intención de salientar o que foron os seus eidos singulares de desenvolvemento e actividade económica ao longo dos seus douscentos anos de historia. Ademais deste seu carácter tradicional de laboriosa abella da ribeira e o actual de cidade tecnolóxica do automóbil, ao que para ser xustos deberiamos engadir a súa orixe aldeana nas vizosas Terras do Fragoso, Vigo foi dende o século XIII un espazo literario. Álvaro Cunqueiro salientou este feito fulcral na nosa identidade local cando escribíu: "Si Vigo fuese una polis griega de los días antiguos, se diría que fue fundada por un poeta, aquel Martín Códax que bailaba ´no sagrado de Vigo´ y veía a súa amiga bañarse en las ondas" (1971). Aquela testemuña dos nosos troveiros da ría foi recollida no século XIX co albor do rexurdimento literario galego, proceso que en Vigo tería outro dos seus fitos senlleiros: a publicación en 1863 de "Cantares gallegos", o primeiro poemario de Rosalía de Castro, na imprenta de Compañel da rúa Real. Dende aquela proeza rosaliana, da que o vindeiro ano celebraremos o 150 aniversario, Vigo permaneceu unida ao desenvolvemento da literatura galega, sendo dende hai décadas capital editorial de Galicia.

Como cidade fundada por un verso –"un privilexio do que poucas cidades da vella Europa poden fachendear", subliñaba Cunqueiro nun artigo en "Faro de Vigo" (1957)–, a ninguén pode estrañar que fosen moitos os poetas que enxalzasen a Vigo e a súa ría, dende Méndez Ferrín, Xohana Torres, Ramiro Fonte e Carlos Oroza até Helena de Carlos ou Anxo Angueira, por citar só a algúns de xeracións recentes. No entanto, tamén convén sinalar que Vigo foi utilizado por numerosos autores e autoras como espazo literario onde se desenvolven as tramas dalgunhas ficcións narrativas memorables. Vigo é unha cidade de novela, como é Ourense presentada por Eduardo Blanco Amor como Auria e, agora, por Diego Ameixeiras como Oregón; como é A Coruña de Manuel Rivas en "Os libros arden mal" ou a Compostela de Méndez Ferrín en "No ventre do silencio". Mais Vigo é, ademais, unha cidade de novela polo feito de que aquí naceu a novela popular de vaqueiros. Entre 1941 e 1958 o editor Eugenio Barrientos López publicou na editorial Cíes (con sede na Libraría Tetilla da rúa Elduayen) 1.500 títulos destas novelas de peto das que se chegaron a vender seis millóns de exemplares. Mesmo o famoso Marcial Lafuente Estefanía escribiu durante case unha década centos destas obras nun piso do edificio Pernas de Travesas. Como tamén é singular na relación de Vigo co xénero narrativo o feito de que o seu alcalde actual, Abel Caballero, sexa autor de catro novelas, publicadas en castelán nos anos anteriores ao seu primeiro mandato.

A lista das novelas ambientadas en Vigo iníciase con "Vinte mil leguas de viaxe submariña" (1870), obra na que Jules Verne dedica o capítulo oitavo da segunda parte á exploración que Nemo fixo da Baía de Vigo, "augas impregnadas de luz eléctrica", onde agardaba recuperar os lingotes que transportaban as embarcacións fundidas na batalla de Rande en 1702. Unha temática a dos galeóns que será moi recorrente noutros títulos como "La escuadra de Plata" (1935) de Avelino Rodríguez Elías, o que foi cronista oficial da cidade durante os anos da segunda República, e "Os galeóns de Rande" (1989) do francés Robert Stenuit.

"Adiós, María" (1971) de Xohana Torres e "Antón e os inocentes" (1976) de Méndez Ferrín foron durante os meus anos de mocidade os referentes de novelas viguesas. A publicación en 1992 de "Amor de tango" de María Xosé Queizán supuxo unha vindicación de Vigo como cidade da independencia de toda unha xeración de mulleres e o primeiro éxito de lectores para as novelas viguesas. Referente indiscutible da memoria da cidade do século XX, "Amor de tango" vinte anos despois da sua publicación reclama contar co primeiro itinerario literario vigués, o que constituiría un xeito de promoción da cidade para os visitantes e de autoestima para a veciñanza. Fran Alonso e Xosé Cid Cabido publicaron despois algúns dos meus títulos vigueses preferidos, "Cemiterio de elefantes" (1994), "Panificadora" (1994) e "Unha historia que non vou contar" (2009). Na última década, a miña lista ampliouse con "Ollos de auga" (2006), a novela coa que Domingo Villar inicia a serie do inspector Caldas, "O señor Lugris e a negra sombra" (2007) de Luís Rei Nuñez e "Cardume" (2007) de Rexina Vega. Relación que se ampliou nestes días coa aparición nas librarías de "Os fillos do mar", a trepidante novela coa que debuta Pedro Feijoo, neto do famoso xornalista vigués Manuel de la Fuente. Outra vez a procura do tesouro de Rande constitúe o motor dunha narración engaiolante onde Vigo, esa cidade de novela, brilla de seu.

bretemas@gmail.com