Manuela Costantino é a autora do logotipo que identificará, este 2012, a conmemoración do 40 aniversario da declaración de Combarro como "conxunto artístico e pintoresco de carácter nacional". Naceu en Ivrea (Turín, Italia) en 1982. E fixo os seus estudos universitarios no Politecnico de Turín, Instituto Universitario estatal de carácter científico-tecnolóxico no que se forman arquitectos, enxeñeiros, deseñadores industriais e deseñadores gráficos e que foi historicamente considerado como o mellor Politécnico de Italia e un dos mellores de Europa. Alí graduouse en Deseño Industrial, primeiro, e a continuación licenciouse en Arquitectura. A súa Tesi dei Laurea (proxecto fin de carreira) na Facultade II de Arquitectura do Politécnico de Turín, defendida en 2010, leva por título: "Ipotesi dei conservazione e valorizzazione dell'architettura vernacolare in Galizia: il caso studio dei Combarro".

Dirixido polo profesor Emanuele Romeo, trátase dun excelente estudo dedicado á arquitectura popular de Galicia e, de forma particular, á do Conxunto Histórico de Combarro, que Manuela Costantino coñece de primeira man. No curso 2008/2009 estivo matriculada na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, como alumna do programa Erasmus. Os dez meses da súa estanza en Galicia permitíronlle documentarse amplamente para levar a cabo unha ambiciosa e novidosa investigación. Esta sustentouse na bibliografía e nos estudos técnicos dispoñibles, así como no ordenamento urbanístico vixente, que consultou na propia Escola de Arquitectura da Coruña, a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e o Concello de Poio. Tamén recorreu á entrevista persoal con especialistas e asociacións versadas nesta materia e, sobre todo, ao coñecemento directo dos pobos e a súa arquitectura, a través das súas viaxes por Galicia, que tiveron como centro de atención Combarro.

Manuela Costantino reunía por todo iso condicións especiais para realizar o logotipo da Conmemoración do 40 Aniversario da Declaración de Combarro como Conxunto Histórico. A iso únese a súa xenerosidade, que se traduciu na doazón deste á Asociación A Solaina de Combarro, e na súa posterior cesión ao Concello de Poio, con este fin. Estámoslle moi agradecidos.

*Rafael Vallejo es profesor de la Universidad de Vigo y presidente de la asociación A Solaina