EN DIRECTO
De Bolina

Quousque tandem (e II)

Xose Ramón Pena

 01:10  

"Tandem aliquando, Quirites, L. Catilinam furentem audacia, scelus anhelantem, pestem patriae nefarie molientem vobis atque huic urbi ferro flammaque minitantem ex urbe…" Como, de novo, han de lembrar os –sempre moi amables– lectores destas crónicas, así dá inicio a segunda das Catilinarias, na cal Cícero informou aos seus concidadáns acerca de cómo Catilina marchara de Roma para xuntarse ás tropas rebeldes, coas cales pensaba derrocar o lexítimo goberno da república. Cícero alcumou aínda aos conspiradores como ricos ansiosos de poder e de riquezas, criminais liberticidas dispostos a saquear as arcas do Estado. En fin; non sei se lles soará a Vdes. algunha cousa parecida a acontecer por aí adiante e agora mesmo…
Malos tempos para a lírica, o rock´n´roll de calidade e mais o ensaio. Pois ben; é moito de temer que tamén sexa unha mala xeira para os clásicos. Xa que logo, velai como aos descendentes de Aristóteles, Pitágoras, Sócrates… non lles vai quedar outra mais que dedicar o conxunto da súa recadación fiscal a pagar os vencementos da débeda, ao tempo que unha sorte de "comisario do orzamento", con capacidade de veto sobre as partidas de gasto, virá dirixir de feito os destinos de Grecia. Traducido: de prosperar a iniciativa do goberno alemán, o país heleno converteríase nunha definitiva colonia: non da Unión Europea, como lles venderán aos gregos e aínda a nós mesmos, senón colonia da todopoderosa Gross Deutschland. E é que volvamos repetilo, por se alguén non o ten claro: "l´Otan; c´est–à–dire les États–Unis": "a Unión Europea; é dicir, Alemaña".
"A cola move o can enteiro". A frase, desde logo, non é dun servidor, senón de Mr. George Osborne, ministro da Facenda británica, e vai referida ao xeito en que a situación vivida por Atenas acaba por afectar ao conxunto da UE. Porque non crean o contrario os lectores: non estamos a falar, no caso grego e tamén noutros veciños, dunha simple insolvencia a curto prazo; polo contrario, trátase da absoluta evidencia dunha completa falta de liquidez a medio/longo prazo, intimamente relacionada, ademais, coa total incapacidade competitiva do país. Ou sexa, tal e como na proclama punk: no future!
Que facer? Non fai falta cursar ningún master en ciencias económicas para entender que unha de dúas: ou ben os países poderosos da UE asumen a débeda grega –e a de tutti quanti!– como unha débeda do conxunto da propia Unión ou –e tan só é pura cuestión de tempo–a zona euro partirase en dous, tres… anacos.Porque o terror dos terrores consiste en comprender que, por moito que se reúnan, por moitas reformas que anuncien e/ou prediquen, por moi serios/sorrintes que aparezan nas imaxes do telediario –"sabemos o que temos que facer para xerar confianza"– , os nosos dirixentes andan a actuar a cegas e/ou a toas. Eilos como van: absolutamente obnubilados polo fume dese novo opio que os leva a recortar, amputar, mutilar… talmente como verdadeiros posesos, yonkis sen control, camiño do abismo.
E, ademais, todo iso absolutamente para nada. Porque cando xa parece, por fin, que as cousas están controladas, cando queren prender unha vela de esperanza… toma suba da prima de risco!, toma presión dos mercados, toma por…! Vaia; lembran aínda Vdes. a Mikhail Gorbachev e mais a súa célebre Perestroika? De veras: a cousa non consiste xa en tapar esta ou aqueloutra goteira; recebarmos un par de paredes. Todo, absolutamente todo o edificio está en ruínas!
Mais se iso ten lugar nos salóns do poder, que é o que acontece, mentres, nesoutros labirintos da oposición? A sacrosanta Unión Europea, o moi sagrado euro… Hai alguén disposto a analizar, debater… –chámese Rubalcaba, Chacón, Jorquera…– até que punto ten sentido falarmos de soberanías nacionais cando se acepta, cal dogma e/ou mantra, a letanía da absoluta indisolubilidade da UE e/ou cando se sentenza, sen máis, que unha saída do euro ha de conlevar á forza a Apocalypse Now? Queda alguén nas filas do centro–esquerda hispano que se atreva a cuestionar seriamente, para alén de retóricas ad hoc e mais da prescripción de inútiles parches sor María, a infalibilidade das políticas de austeridade a ultranza e defender, polo contrario, un decidido retorno aos postulados de John Maynard Keynes? Que clase de alternativa real manexan os nosos socialdemóctras diante das tesouras enfebrecidas de Artur Mas, De Guindos... e mariachis varios?
O vello adaxio proclamaba: "cando París ten catarreira, toda Europa espirra." Pois ben; tal devén que a soa esperanza consista en agardarmos o que poida ter lugar nas eleccións francesas: isto é, un triunfo de M. François Hollande e, acaso, certa rectificación –polo menos iso– dese retorno cara ao século XIX, XVIII, Idade Media… que estamos a sufrir. Claro que, iso tamén: pode suceder que, xa chegados a tal, antes modifique moi oportunamente D. Mariano Rajoy as súas iniciativas que as luminarias da socialdemocracia autóctona se dean por aludidas. E é que, ao paso que estamos, en España, a alternativa á política dun goberno de dereitas tan só se produza desde a propia dereita. Ao tempo.

  HEMEROTECA

LAS VIÑETAS DE FARO


Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya