EN DIRECTO
Campo de Granada

Días de Samaín

Manuel Bragado

 08:01  

Vivimos días de santos e defuntos, días consagrados á memoria dos mortos queridos. Tempo de castañas e magostos outonizos, ás portas do san Martiño, que anuncia a chegada dos rigores do inverno. Mais tamén, no eido festivo, estes son días de Samaín, a festa das caveiras de orixe céltica, con forte presenza na tradición rural galega, esmorecida entre nós durante décadas e que amodiño se recupera en Galicia, sobre todo no ámbito escolar e nalgúns concellos, competindo co Halloween estadounidense capaz de mobilizar co seu formidable tinglado comercial de disfraces e trapalladas made in China a mocidade urbana de medio mundo. Porén, é indubidable que a festa do Halloween desta noite, desenvolveuse a partir do universo dos mitos daquel Samaín celta.
Ben sabemos que os celtas celebraban o comezo das súas estacións con dous grandes festivais do lume: o inverno co Shamhain (á altura do primeiro de novembro, na que celebraban a última colleita antes do inverno e o inicio do ano) e o verán co Beltane (sobre primeiros de maio, anunciando a chegada dos primeiros calores). Para eles estas dúas datas constituían tempos dominados pola maxia xa que crían que nestes momentos de tránsito estacional a tea entre os mundos da vida e da morte era máis fina (non manexaban o concepto do ceo e do inferno que a igrexa introduciría moitos séculos despois). Os celtas pensaban que na noite de Shamhain as portas do outro mundo quedaban abertas: os espíritos dos defuntos e das fadas invadían, por unhas horas, o mundo dos humanos; e os vivos podían penetrar no mundo do alén e quedar alí presos por mor dun feitizo ou meigallo. Ademais de considerar valioso conservar as caveiras dos seus inimigos porque, para eles, alí residía a cerna dos misterios do ser humano ("aquel que posuíse unha caveira contaría cos forza máxica da súa pantasma"), permitindo así esconxurar os perigos sobre a súa tribo.
Sobre estas crenzas míticas do paseo das almas de aquí para acolá é doado identificar como foron tecéndose os elementos rituais da festa de Halloween: disfrazarse coa pel dun animal para evitar que os espíritos dos mortos atacasen aos vivos confundíndoos cos das bestas; levar nabos ou cabazas labradas en forma de caveira e acender unha candea no seu interior para guiar aos mortos na súa viaxe; pedir lambetadas e galanos polas casas para así atoparse con fadas e trasnos que saen nesa noite a facer as súas brincadeiras… Os irlandeses conservaron todo este ritual pagano rural e levárono a Norte América durante o seu grande éxodo do século XIX motivado polas malas colleitas de patacas e as grandes fames que provocaron. Velaí o percorrido da viaxe de ida e, agora, de volta dunha parte do patrimonio da memoria mítica, ao que os galegos non fomos totalmente alleos.
O profesor Rafael López Loureiro –autor de "Samaín, a festa das caliveiras" (Ir Indo, 2001) e o grande animador da recuperación do Samaín na vila de Cedeira dende hai vinte e dous anos, capaz de contaxiar o seu entusiasmo a toda Galicia– xa demostrou o carácter galego desta festa que, asociada aos días de santos e defuntos e á celebración do magosto, existía por todo o noso país ata hai menos de corenta anos. Unha recuperación sorprendente, a desta festa de Samaín, que se está reiventando como unha tradición contemporánea de grande pulo. O tallado de cabazas, os concursos de maquillaxe, a colocación de caveiras en lugares senlleiros, os pasarrúas de fantasmas e ánimas (en Lugo camiñando pola propia muralla), as merendas e chocolatadas de outono, os magostos populares, a preparación de doces de cabelo de anxo ou chulas e budíns de cabaza, os contacontos de medo, os concertos de música para picariños, as noites de calacús, son algunhas das actividades que hoxe e mañá, días de Samaín se realizan pola Galicia enteira.
A reinvención desta tradición, promovida primeiro dende os centros escolares de primaria e secundaria, despois difundida por moitas asociacións culturais e veciñais e, agora, asumida por algúns concellos dentro do seu programa cultural, demostrouse que foi unha estratexia moi exitosa para defender un patrimonio de cultura inmaterial que todos debemos conservar e mimar. Como sucede en México co "Día de mortos" e os seus altarciños populares, o Samaín é a nosa festa de seu para dende o ámbito dos mitos celebrar a chegada do inverno. Abandonemos os vampiros homoxeneizadores do Halloween estadounidense e festexemos a fadas, trasnos e o resto dos nosos seres míticos (que temos un riquísimo patrimonio neste eido). Exaltemos a nosa terra farturenta en humildes cabazas, tallemos con elas caveiras, preparemos doces gorentosos e acendamos candeas para tratar de escorrentar a tantos demos e bruxas que nos axexan. Benvido, señor Samaín, sequera por un día, cabaleiro do Outromundo!

  HEMEROTECA
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Elecciones Generales 2011