EN DIRECTO
Campo de Granada

O caso islandés

Manuel Bragado

 08:00  

Advertiuno o escritor islandés Arnaldur Indridason horas antes de pronunciar o discurso de inauguración da recente Feira do Libro de Frankfurt dedicada ao seu país: “estes tempos de crise dan a oportunidade de comprobar que a riqueza e os valores reais dunha nación non son as súas accións na Bolsa ou os seus bens terreais, que sempre desaparecen, senón o que queda, o indestrutible despois dos séculos, a literatura”. Sendo un dos novelistas de xénero negro con maior éxito no mundo hoxe –as súas novelas escritas e islandés e protagonizadas polo detective Erlendur Sveinsson levan vendidos sete millóns de exemplares en cincuenta linguas–, Indridason reivindicou no seu discurso o valor da cultura do libro e da lectura, tanto polo seu valor para facilitar a convivencia e a continuidade do relato colectivo de cada país, como polo carácter produtivo da industria do libro e da literatura.
Cunha poboación de apenas 320.000 habitantes, Islandia amosou en Frankfurt que no mundo da edición o tamaño dun país pode non ser determinante, sempre que sexa capaz de definirse a través da súa literatura, apoiándose nunha nómina dos seus escritores e escritoras de calidade e sosténdose pola forza da sociedade de lectores e lectoras. Visitando o seu impactante pavillón, comprobamos que Islandia é un pobo literario: soubo e sabe manter a vixencia dos seus textos fundacionais, as sagas; realiza un esforzo notable para manter o seu idioma, a pesar da presión do inglés; acadou un prestixio internacional para a súa literatura (dende 1955 ten nobel, Halldór Laxness) e conta cun dos niveis de lectura máis elevados do mundo. Os islandeses len moito. Mercan cada ano, como media, oito libros por habitante, o que supón para as 170 editoriais islandeses a venda de dous millóns e medio de libros. Algúns autores como Indridason ou o Sjön, o famoso letrista de Björk, poden chegar a vender trinta mil exemplares dalgunha das súas novelas, máis do dez por cento dos habitantes dun país sometido dende hai tres anos aos efectos dunha desfeita económica que supuxo a desaparición de tres bancos e a devaluación da moeda no sesenta por cento. A pesar destas dificultades, o goberno islandés, consciente de que o seu país precisa do traballo dos seus escritores, continúa coa súa política de apoio á creación, pagando un soldo, durante un período de tempo variable, tres meses a un ano, a aqueles autores que están escribindo unha nova obra que se agarda poder vender tanto no pequeno mercado interior como na proxección internacional.
O caso islandés é moi suxestivo para ser comparado co noso. Galicia tamén é un pobo literario que conta cunha tradición medieval, as cantigas, consideradas patrimonio da humanidade; unha lingua de seu que non se resigna a ser engulida polo castelán; unha amplísima nómina de autores e autoras de calidade indiscutible, que cultivan todos os xéneros literarios, e un sector editorial en profunda mudanza para facer fronte ao tránsito dixital. Tamén é semellante á islandesa a profunda crise económica, agravada tras a perda das súas entidades financeiras propias, e unha taxa de desemprego insoportable que ameaza con coutar calquera esperanza ás xeracións máis novas. As maiores diferenzas entre ambos os dous casos, islandés e galego, residen na asimetría dos índices de lectura (en Galicia non chegamos a mercar os tres libros por habitante cada ano) e no moi diferente papel desempeñado polos poderes públicos no fomento da lectura e da creación literaria.
O éxito internacional de Indridason, que está servindo de tractor para outros autores islandeses como Stefán Mani, non é alleo a esta política pública de fomento da creación literaria e da lectura, como de apoio á industria editorial realizada polo goberno islandés, mesmo a pesar das dificultades provocadas polas políticas de consolidación fiscal. Un camiño ben diferente ao emprendido polo Goberno Galego que, até agora, en aras da austeridade e sen contar cunha guía orientadora e estratéxica para a política do libro das diversas consellarías non dubidou en sacrificar sen contemplación ningunha as axudas de fomento da produción editorial de materiais didácticos impresos e dixitais, como as primeiras vítimas do seu programa desapiadado de recurtes. O exitoso caso islandés amosa que erran os que consideran as políticas de normalización lingüísticas e de apoio ás industrias culturais como os primeiros sectores que poden ser amputados de raíz, sen graves consecuencias para o corpo social. Como lembra Arnaldur Indridason, non debemos considerar estraño que neste tempo revolcado desaparecesen as caixas e o bancos galegos; sabemos que no futuro quedarán algúns textos dos nosos autores e autoras, o perdurable, a nosa maior riqueza.
bretemas@gmail.com

  HEMEROTECA
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Elecciones Generales 2011