O minibús eléctrico que conectaba a parte alta e a parte baixa do Casco Vello ameaza con provocar a primeira crise política deste mandato na casa do Campo de Granada. Bautizado agarimeiramente como "busiño" por Javier Mosquera en "El Patio de Cachamuiña", o funcionamento deste Zeus M200Eplus, no que o concello de Vigo investíu trescentos mil euros, é motivo de polémica tras a decisión da Alcaldía de retiralo da circulación.

Este minibús cen por cen eléctrico, de seis metros de longo e dous de ancho, dispoñible para vinte e dúas prazas, fora inaugurado a comezos do mes de maio coa pretensión de ofrecer un servizo de mobilidade integral aos residentes das dúas partes do Casco Vello, ao tempo que aspiraba a converterse en reclamo turístico e icona da innovación tecnolóxica dunha cidade europea do automóbil como a nosa que pretende estar á cabeza da fabricación do "coche eléctrico". Tras un mes circulando de balde e en réxime de probas, integrado na rede de Vitrasa, o minibús fixou unha rota de catro quilómetros polo perímetro e polo interior do Casco Vello, dunha duración de vinte minutos, con senllas quendas de mañá e tarde e cunha parada de tres horas ao mediodía para recargar as súas baterías. Concibido como un innovador e ecolóxico servizo de transporte público á carta, que pararía ao punto, coma os taxis, alí onde mellor lle prestase aos seus viaxeiros, o busiño non chegou a enamorar aos seus potenciais usuarios, apenas 25 por día.

A decisión da Alcaldía de suprimir esta alternativa de transporte público silencioso e non contaminante, xustificada polo seu reducido número de viaxeiros e polo elevado custe do seu mantemento, provocou as protestas dos dous líderes dos grupos da oposición. O voceiro do Partido Popular, a pesar de que no seu día criticara o servizo, considera que o minibús ten un potencial non explorado e que retiralo "supón un despilfarro". Mentres que para o responsable do BNG –baixo cuxa responsabilidade, durante o mandato anterior, se puxera en marcha o minibús, xunto co programa de coidadores de barrio e o servizo de bicis eléctricas, formando parte do programa de dinamización e mobilidade do Casco Vello– a retirada destes dous servizos supón que o actual "goberno municipal non sabe xestionar e non entende o que significa revitalizar o casco antigo".

A enerxía do equipo de goberno socialista en liquidar sen contemplación ningunha este servizo non semella un exercicio de diplomacia, mesmo cando non transcorreron nin os seis meses de experimentación previstos, nin se ensaiou algunha das modificacións propostas polos propios veciños do Casco Vello, como a de alongar o trazado até o monte do Castro. Unha determinación na que identificamos a vontade do goberno municipal de mudar o rumbo das políticas sobre a rexeneración do Casco Vello. A este teor son moi significativas desta deriva as declaracións do alcalde comprometendo decontado a rehabilitación de pezas arquitectónicas emblemáticas do barrio, singularmente a fachada do Berbés e o arco de Quirós, o que quizais podería supoñer abandonar a estratexia paciente de rexeneración dun tecido urbano moi deteriorado, asumida durante o mandato anterior, tanto pola Tenencia de Alcaldía do BNG como polo Consorcio do Casco Vello, onde a Xunta de Galicia achega o noventa por cento dos fondos.

Porén, o máis importante desta polémica son as súas consecuencias para a gobernabilidade da cidade, xa que é probable que no pleno deste mes sexa aprobada unha moción, cos votos de PPdeG e BNG, solicitando a restitución do servizo do minibús. Un resultado que escenificará, por vez primeira, a derrota da posición da alcaldía, utilizando a estratexia da pinza de populares e benegueiros, idéntica a aqueloutra que fixo a Corina Porro alcaldesa de Vigo. Unha situación que abre moitos interrogantes. Cal é a estabilidade dos alicerces sobre os que Caballero chantou a súa alcaldía actual? Os concelleiros do BNG poderán asumir tanto o papel de oposición como o do único sostén do equipo de goberno por medio de acordos orzamentarios anuais? Para os socialistas, será posible gobernar en solitario durante catro anos condicionados por semellante bipolaridade nacionalista? Para o electorado do BNG, que apostou pola continuidade da fórmula de corresponsabilidade bipartita, será asumible esta inhibición política que semella pode conducir a longo prazo á irrelevancia dos nacionalistas en Vigo?

Creo que existen razóns de carácter medio ambiental e de identidade industrial que aconsellan en Vigo ofrecer unha segunda oportunidade ao servizo de minibús eléctrico. Como existen razóns abondas que aconsellan aos membros do BNG reconsiderar a súa posición de non participar no goberno municipal. Eis a innecesaria crise do "busiño".